Opinión

Trump, falar por falar, ou parte dun plan

As veces Trump até semella unha persoa razoábel, por exemplo hai uns días prometía que ía rematar coa era de guerras interminábeis. Claro que non dixo como pensa facelo, aínda que o lóxico sería, tendo en conta que seu país é o principal protagonista destas desfeitas, que as forzas armadas ou intermediarias dos Estados Unidos (contratistas e compañía) abandonasen os países que ocupan ou nos que realizan incursións cando lles peta (Iraq, Afganistán, Siria, etc...), ao que se lle suma unhas 200 bases no mundo. Polo tanto ren fai pensar que se termine tomando esta medida que sería tan beneficiosa para a humanidade. 

Se temos en conta a práctica todo indica que o presidente da maior potencia do mundo di unha cousa un día e todo o contrario ao seguinte. Aínda que cómpre recoñecer que este tipo de governante, e dirixente político, está hoxe máis de moda que nunca antes. Se cadra porque súas declaracións teñen como unha das finalidades crear titulares que chamen a atención nos medios para poder acaparar tempo e polo tanto formar parte da vida cotiá das persoas, sumando así os acólitos do capitalismo neoliberal e persoas que confunden ou sobrevaloran a radicalidade nas formas respecto dos contidos. 
Sen dúbida este xeito de facer acada certo éxito, cando menos durante unha primeira etapa, daquela que lle saian tantas copias, especialmente da dereita estrema, que algúns moi benignamente denominan populista. Ese é o caso de Jair Bolsonaro, presidente do país máis importante da América Latina. Tamén semella ser o estilo de Erdogan en Turquía, outra potencia rexional, que como os anteriores non deixa de abrir frontes cos veciños (Grecia, Chipre, Siria, Iraq, Exipto...) e cambia de aliados cada pouco tempo (Estados Unidos, Rusia).

En calquera caso son máis partidario de considerar que Trump, con toda esta leria, vai de vagar na práctica levando ao seu país ao lugar que anunciou dende o inicio do mandato. Ou sexa, buscando illar a China, Rusia, e outras potencias rexionais e nacións que non controla, mesmo a costa dunha ruptura en bloques do mundo, dando fin ao proceso de globalización. Por esta razón foi saíndo dos acordos e organismos que podían ser un atranco neste guión, tanto militares, como a OMS, CPI... e non deixa de facer propostas belixerantes dende os que lle son submisos FMI, BM, OPAQ... 
Estados Unidos escolle esta folla de ruta porque malia seu inmenso poder militar, da súa hexemonía sobre o movemento de capitais, da moeda de reserva, da tecnoloxía dixital, da información... foi perdendo poderío no eido da produción. Ademais, Rusia dispón dunha tecnoloxía superior en certos aspectos do ámbito militar (mísiles supersónicos, S-500) e China comenza a gañarlle terreo no eido dixital (G5). E, o máis grave, Washington ten poder para destruír países (Somalia, Libia, Afganistán, Iraq...) mais é incapaz de implantar a democracia e o desenvolvemento, e sobre todo de garantir a paz no territorio que ocupa. O que implica unha asociación negativa na conciencia colectiva do seu papel.

Daquela que, ollando estes resultados, e a correlación de forzas, Trump opte polos bloqueos e sancións utilizando temas aparentemente “humanitarios”, que lle permiten desfacer un país, evitar o desgaste da intervención militar e obrigar a esforzos extras as potencias que lle disputan a hexemonía. Como parte desta folla de ruta estratéxica, e non só por razóns electorais, hai que valorar as últimas sancións contra Rusia e China. Trátase de dividir o mundo en dous bloques desiguais en capacidade e poder, para gañar tempo, antes de que a correlación de forzas lle sexa desfavorábel, e a UE e outras potencias rexionais opten por unha terceira vía. Isto último favorecería un mundo multilateral e hipotecaría o obxectivo de “Estados Unidos Primeiro”.

Te puede interesar