Opinión

A UE fica espida na pandemia

A pandemia do covid-19 deixou en evidencia a fraxilidade da humanidade, da desfeita ecolóxica, a incapacidade do sistema pra dar respostas a esta etapa histórica, e tamén reflectiu as contradicións e debilidades da Unión Europea (UE). Un exemplo é o lento e débil reaxer diante dos posíbeis efectos secundarios da vacina de AstraZeneca, polo que unha morea de países deixaron de poñela. Ignorando a opinións iniciais dos organismos sanitarios europeos (EME) que consideraban que había máis vantaxes que prexuízos mantendo a vacinación até ter unha valoración definitiva. As decisións de cada país foron por diante das que deberían decidir as/os científicos, e ademais ficou claro que, nas cuestións que non son estratéxicas no económico e político a UE asume un papel secundario. 

Esta ruptura da unanimidade dáse nun tema no que se tomaron dous acordos que se consideraron fundamentais pra escenificar a unidade da UE, despois da saída do Reino Unido. O primeiro, foi mercar as vacinas en común, realizar unha distribución equitativa, garantir unha cantidade suficiente e rápida e un prezo axustado, e pra alén das especificidades de cada estado manter un ritmo de vacinación semellante. En poucos destes aspectos pódese falar de que a UE cumpriu o papel que se esperaba, e mesmo fica evidente certa complicidade coas grandes corporacións dos Estados Unidos e europeas (que neste campo vai por detrás), mesmo a costa de frear a vacinación.

Despois de máis de dous meses, o número de vacinas que chagaron á UE, en porcentaxe respecto da povoacion, son moi inferiores ás subministradas a Estados Unidos, Emiratos Árabes, Israel e mesmo Chile. Mais tamén en relación co Reino Unido, cando hai uns meses a Comisión cansouse de argumentar que Londres ía cara o desastre despois do Brexit. Non é casual que algúns países como Italia estea pensando en mercar pola súa conta vacinas, ou que Hungría xa o fixese coa rusa Spútnik-V. Por certo, Bruxelas nunca aclarou porque non merca vacinas rusas ou chinas. A confrontación entre potencias tamén se trasladou ao ámbito da saúde? 

O segundo aspecto no que a Unión Europea, malia as campañas de propaganda, está amosando eivas estruturais, é no referente ás achegas e prestamos pra superar os efectos da pandemia. Pasan os meses mais as axudas non chegan ou fano tan de vagar, e en contía tan cativa, que os sectores económicos máis afectados polo virus non deixan de ser resentir, pechando empresas e perdéndose postos de traballo, que logo será moi difícil de recuperar. 

A este respecto chama a atención da actitude de submisión do Governo español, se cadra porque no seu día foi cómplice desta folla de ruta, primando as contías dos fondos sobre os tempos de execución. Ou porque asumen que as consecuencias do covid-19 no ámbito económico implica un reaxuste entre clases sociais e territorios que está dentro do esperado, porque mantén a tendencia dominante das últimas décadas. O cal sería preocupante pra nación galega, vendo que o PIB por persoa só se mantén pola caída da natalidade e emigración da mocidade, mentres as empresas máis dinámicas pasan a mans foráneas, e a expatriación de capital multiplica por moito a entrada de investimento. 

Pra saír desta trampa, cómpre facer un esforzo pra vacinar á povoación, mais tamén adedicar os recursos necesarios pra pagar a tempo os ERTE, que o IMV cubra a todas as familias en situación límite, e axudar a manter as empresas que foron afectadas negativamente pola pandemia. Ou sexa, que os recursos económicos que seica ía adicar a UE e o BCE cheguen cando son máis necesarios. Despois só serviran pra dar máis forza aos que sobrevivan. E iso significa maiores folgos pras empresas, clases e nacións dominantes. Ou sexa, reforzar as tendencias negativas do sistema.

Te puede interesar