Opinión

Un proxecto de país


Segundo unha información deste xornal dos 4.579 millóns de euros adxudicados á provincia de Ourense desde 2012 só se executaron 1.571 millóns, ou sexa só un terzo do total. O deputado do BNG no Congreso español, Nestor Rego, destacaba nunha rolda de prensa que só un 67,2% dos cartos asinados a Galiza nos rozamentos no 2021 polo Estado español foran executados, mentres que en Madrid, que sempre se queixa pola discriminación, a execución foi moi superior á partida asinada, o 184%. E seica esta dinámica é unha constante. Ou sexa, que de pouco valen os pactos e os acordos, mesmo que o governo sexa da dereita ou da esquerda, se ten ámbito estatal, na inmensa maioría dos casos a nación galega ficou relegada nos orzamentos do Estado. 

Algo que tamén reflicte a falta de palabra, por parte dos partidos sistémicos, e a importancia de que as forzas soberanistas teñan capacidade pra incidir en todo momento, en todo o proceso desde o debate parlamentar até a realización das obras ou servizos. Ademais amosa o pouco que pesa Galiza na política do Estado español, como consecuencia da caída constante do peso demográfico, e o que vale realmente a palabra do PP e o PSOE, cando exercen funcións no ámbito estatal. Unha fotografa deste trato é o tempo que levou aprobar e construír os acesos por auto-estrada á meseta, ou o AVE, así como que non se dea prioridade a infraestruturas esenciais, como o tren rápido con Portugal, ou conexións entre Ferrol e A Coruña, coa costa da morte, entre Santiago e Lugo, Verín con Chaves, ou Ourense con Braga. Tanto se teme potenciar a conexión interna e con Portugal? e o esporádico e circunstancial do trato que se dá a este tema por parte da Xunta e o Governo central. 

A experiencia reflicte que se dá prioridade ao que mantén ou agranda a dependencia do poder central, na práctica Madrid, e vese como secundario e desbotase todo aquelo que vertebra a Galiza e fortalece as relacións con Portugal, co que temos moito en común e somos complementarios (tamén coa Europa atlántica, é unha gran parte do mundo aproveitando os portos). Por se non abondase as relacións comerciais con Portugal son moi fortes, e o balanzo económico é positivo pra Galiza e tamén o saldo no investimento de capitais (ou sexa, xeran emprego neto). 

Non digo que eivas non existan tamén do lado portugués, porén é a nos a quen máis favorece a actual relación comercial e de investimento. Un aspecto importante, máxime cando a saída de capital galego (fóra do Estado español) multiplica varias veces aquel que chega dende ese ámbito. Por exemplo, no ano 2020 exportamos capitais por 1.8014,6 millóns de euros e chegaron por valor de 80,4 millóns. De pouco vale ter un saldo exportador positivo se despois o capital ingresado vaise fóra, como proceso complementario á emigración e que fortalece esta tendencia. 

Veñen momentos moi difíciles por mor da confrontación entre potencias, os límites ecolóxicos e de recursos esenciais, o medre da desigualdade entre países e clases sociais, nos que a guerra o déficit enerxético coloca á UE nunha conxuntura complexa. Tempos de apostar pola paz e a transformación, de aceptar un mundo multipolar, de realizar cambios na produción e no modo de vida que preserven o planeta. A globalización neoliberal chegou ao seu fin. Agora, a cuestión é: que papel queremos que xogue o povo galego neste novo escenario? Como nos recuperamos, e potenciamos unha produción autosustentabel e cun reparto social xusto, aforrando en mobilidade e evitando no posíbel os atrancos causados por conflitos e desastres ecolóxicos?... En resumo: cal é noso proxecto de país pra este contexto? Se esperamos que o papel nos veña sinalado de Madrid e/ou Bruxelas, estamos aviados... teremos as migallas. 

Te puede interesar