Opinión

Uns orzamentos malos pra o noso país

Os orzamentos aprobados o pasado xoves no Congreso contaron co voto favorábel dos partidos do Governo, PSOE+UP, e da maioría do soberanismo catalán e vasco, e outras forzas, que lle garanten a súa aprobación. Son uns orzamentos que rachan coa prorroga dos feitos a medida das políticas do PP, e contan cuns 28 mil millóns de euros máis, como parte do fundo europeo de reconstrución, marcando polo tanto un criterio sobre cal será o reparto no futuro, tanto entre clases sociais como entre autonomías. Sobre o primeiro destes aspectos resulta evidente, tanto nos investimentos como en materia fiscal, déronse algúns pasos adiante. Porén dun xeito moi limitado, por debaixo das expectativas sementadas polo propio executivo, tanto no plano do investimento como do aumento da presión fiscal.

Non se pode pasar por alto que todas as comunidades medran en investimento respecto dos orzamentos anteriores menos Galiza, que perde un 11%, 104 millóns, nun presuposto que aumenta un 68%. O trato discriminatorio é demasiado evidente, e a escusa de que se debe a que xa non se realizan as obras do AVE, non vale, máxime cando aínda non esta terminado. Ademais, o noso país ten unha morea de carencias históricas en infraestruturas e obras públicas, vexase o estado de liñas de ferrocarril como a de Ferrol a Xixón, ou a de Vigo a Ourense, o a necesidade urxente de mellorar o enlace con Portugal, máxime cando Lisboa considera estratéxica a vía que une Porto coa fronteira, e que é o noso segundo socio comercial, e ademais temos con el un saldo positivo. Existe un déficit en comunicacións e en servizos básicos que algo terá que ver cos atrancos pra desenvolver a economía, e co retroceso demográfico en relación co Estado español, tendo en consideración a riqueza de Galiza e a súa situación xeográfica. 

Non se pode ignorar que as liñas que marca este orzamento durante o proceso de reconstrución deseñaran a nova economía e o papel que xoguemos nela, ou sexa ques e podería manter e mesmo aumentar o carácter subalterno, dependente. A isto sumase o feito de que sectores claves da economía galega, tanto pola xeración de emprego directo como indirecto, como poden ser o naval, aluminio, e da enerxía tradicional están sendo desmantelados ou reducidos na sua capacidade operativa, sen que existan plans concretos pra recuperalos ou propostas alternativas. 

Polo tanto resulta difícil de entender que o PP galego non denunciase con contundencia esta discriminación especifica, sumándose á critica ideolóxica da dereita, e que os deputados e deputadas deste partido, e sobre todo do PSOE e Podemos, non votasen a prol das emendas do BNG que expresaban necesidades urxentes pra Galiza. Daquela que o deputado do Bloque no Congreso, diante das criticas de PSOE e Podemos, que pedían un voto a favor dos orzamentos gratuíto, malia que restase recursos ao país, lles preguntase: “Que dirá, Sr. Gómez-Reino aos seus votantes da Coruña despois de opoñerse a unha partida pra conexión ferroviaria co porto exterior? Que explicación dará Yolanda Díaz pra estar en contra de rexenerar a ría de Ferrol -só 1 millón de euros- ou modernizar Navantia pra poder crear máis empregos no naval, ou subir as pensións mínimas? Que dirá, Sr. Meijón, sobre o saída sur ferroviaria de Vigo?”. 

Todo indica que a decisión do PSOE e Podemos pra nen sequera falar co BNG debese, non tanto a que non necesitasen seu voto, como á decisión de pasar factura polos malos resultados de ambos partidos nas eleccións galegas. Se fose así sería pura miopía porque isto non garante recuperar uns votos que se perderon por non representar á nación galega coa firmeza necesaria, e que agora se confirma cando poñen por diante as decisións dos seus partidos mesmo que prexudiquen a Galiza. 

Te puede interesar