Opinión

Uns orzamentos singulares

Os orzamentos do vindeiro ano son moi importantes, non só porque sexan unha actualización necesaria despois de estar durante anos utilizando os do Governo de Rajoy, senón porque ademais de ser unha resposta á crise da pandemia incorporan o fundo de reconstrución europeo, e definen os investimentos nas próximas lexislaturas. Ou sexa, son claves porque deseñan como se vai a saír da dobre crise, a do covid-19 e a do esgotamento do modelo da globalización neoliberal. 

Este é o momento máis acaido pra dar a batalla tanto respecto da redistribución da renda, con medidas sociais e fiscais, como de investimentos en infraestruturas, renovación do aparello produtivo e investigación, e en relación ao reparto territorial que se faga dos ingresos e gastos. Apostalo todo a restituír o tecido produtivo afectado pola pandemias sería pra Galiza un fracaso histórico, e no inmediato perderíanse unha morea de empresas da industria e dos servizos, tanto no sector enerxético, como naval, aluminio, etc. A pandemia non só deixou en entredito o turismo de masas, a estrema mobilidade, senón tamén a nosa relación coa natureza, e cuestionou as de residencias de maiores,... En fin, deixou en evidencia a importancia do sistema sanitario e do papel central da actividade pública, da produción en proximidade de alimentos, vestimenta, e dos imsumos máis necesarios, como os sanitarios.

Polo tanto é razoábel e necesario que a Xunta, partidos, sindicatos e organizacións de todo tipo, reclamen un trato especial nestes orzamentos co noso país, tendo en consideración décadas, por non dicir séculos, con investimentos raquíticos do Estado español (EE). Dos que o resultado máis evidente son: o retroceso demográfico, a emigración, e a baixa participación no PIB. O AVE é un exemplo, multiplicáronse o número de anos necesarios pra rematar a obra, e aínda non finalizou. Lembremos que foi no ano 1988 cando o Ministro de Transporte de Felipe González, o actual rexedor de Vigo Abel Caballero, comprometeuse a que o AVE chegaría en 1992 a Sevilla coincidindo coa Expo e un ano despois a Galiza. Ren se fixo e os primeiros pasos foron no ano 2001, ampliáronse os prazos cun novo acordo para terminalo no ano 2015. E xa estamos en 2021. 

Non é precisamente unha contestación axeitada, cando o Ministro de Transporte e Mobilidade descualifica as reivindicacións por mil millóns de euros realizadas por Nestor Rego deputado do BNG argumentando que Galiza recibe máis do que lle corresponde por povoación, mesmo recoñecendo que a cantidade baixou drasticamente. Esquece que das contías adxudicadas as que se executaban foron inferiores: o 39,6% en 2015, 28,7% en 2016, 62,9% en 2017, e 55,25% en 2018. Agora ben, o orzamento de Transporte aumenta máis dun 50% para 2021, a 13.863 millóns, adxudicando á Galiza só un 4,6%, mentres que en 2018 era do 9,6%, aínda co executado só atinxía o 5,2% do total do Estado. En ambos casos por debaixo do peso da povoación galega, co antecedente de que na execución, con seguridade, de novo volveremos a perder unha boa parte dos teóricos investimentos. Ou sexa, moi por debaixo do que nos correspondería por habitantes. 

Ademais, o criterio exclusivo da povoación non é xusto, porque ignora décadas, séculos, de trato desigual, que incidiu no desenvolvemento das vías de comunicación, dos servizos básicos, e no tecido produtivo. A situación deste último agravouse pola globalización neoliberal. Perdemos variedade produtiva e a maioría das empresas máis dinámicas están en mans foráneas, polo que repatrian o excedente, fortalecendo o carácter subalterno. Este tamén foi o substituto sistémico da economía de autoconsuno. Non hai trato igualitario cando se toma como punto de partida a desigualdade acumulada. Nestes orzamentos a nación galega xogase moito. 

Te puede interesar