Opinión

Urxe mudar as regras do xogo

O conflito laboral colle folgos, tanto pola ameaza de peche de Alcoa na Coruña e a crise no hospital Povisa de Vigo, como pola reivindicacións de melloras urxentes. Por exemplo, a folga no sector de elaborados do mar, no marco da negociación do convenio colectivo; o paro dos PAC pedindo máis medios, pra unha atención sanitaria acaida e melloras laborais; e as mobilizacións do persoal de ambulancias. Debemos sumar a protesta do sindicato CIG en Verín e Laza, pola morte dun traballador en accidente laboral na construción da liña do AVE en Prado, polo “desleixo absoluto no cumprimento das normas de seguridade laboral”. 

A clase traballadora está na rúa, como sempre. No podía ser doutro xeito, porque no noso País soporta dúas lousas: por unha banda, o medre da precariedade e a diminución dos salarios, e pola outra, unha alta taxa de desemprego (non se pode esquecer a forte emigración e a baixa natalidade, como dados a engadir). Ambos factores están intimamente relacionados cun peso cada vez menor de Galiza no PIB do conxunto do Estado español (EE), e o control por capital foráneo das empresas máis fortes e dinámicas. 

Como consecuencia do anterior, hai un retroceso acelerado da povoación, que non compensa coa chegada de inmigrantes. Isto implica un proceso de substitución, se temos en consideración masiva emigración da mocidade nacida na Galiza. Daquela que teñan importancia as políticas de integración social e cultural, e de inserción laboral e de regulación da migración. Porén tamén a necesidade de mudar unhas regras de xogo que subordinan a nación galega na cadea de valor e potencian condicións laborais polas que máis da metade das familias chegan con dificultades a fin de mes, e que unha cuarta parte viva na pobreza e marxinalidade. De pouco vale un ensino de calidade, cando a maioría das empresas basean os beneficios nos baixos salarios e xornadas extenuantes. O sistema educativo galego, sen pretendelo, converteuse nunha fábrica de emigrantes. Neste contexto, non é casual que as enquisas poñan, dentro do EE, á xente do País como a menos satisfeita da súa situación. 

Sei que hai empresas que lles vai ben, que existe inventiva e creatividade na sociedade, mais o dominante é que pasan os anos e retrocedemos mentres que outros territorios, por exemplo Madrid  crece en PIB, renda por persoa, e en povoación. Será por ser a capital do Estado? Resulta evidente que o modelo económico, as regras de xogo, favorecen a uns e prexudican a outros. Tamén hai partidos políticos que defenden mellor os intereses de Galiza e das clases populares que outros. Non é casual que décadas de governos do PP estean ligados a este recuar tan forte en  todos os aspectos. Agora ben, sen mudar as regras de xogo imperantes (a dependencia, as relacións de clase) non se poderá cambiar a tendencia dominante. 

A esquerda, especialmente a nacionalista, debería ser máis atrevida nas súas propostas, e propoñer cambios sistémicos, xa que a cuestión de fondo non radica en transformacións menores e facer ben as cousas. Ollemos a situación laboral. O aumento da protesta pode conseguir melloras sectoriais e na empresa, especialmente se se derrogan as reformas laborais, a Lei mordaza e o artigo 315.3 do C.P. (aínda que o PSOE semella non ter presa nestes temas). Estes son muros cos que o capital reduce a capacidade de presión da clase traballadora, ao que se engade unha infinda man de obra de reserva. Sendo un avance, non abondaría con estas medidas, porque o sistema económico actual está obsoleto, daquela que o aumento da explotación e opresión non ten límite. Pola contra, temos o medre do emprego e dos salarios en China (entre o 8 e 13% na última década), ligados ao papel do capital público e da planificación. Non chega coa mobilización e a boa xestión.

Te puede interesar