Opinión

Unha situación política complexa

As eleccións municipais, autonómicas e ao Euro-parlamento presentábanse no Estado español como unha segunda volta das xerais, tal como sucedeu, mesmo confirmando as tendencias dominantes con pequenas correccións. En concreto: avanzou o PSOE, recuou o bloque da dereita, e consolidouse o soberanismo (especialmente en Cataluña e Euskadi, e en menor medida no país galego). No bloque da dereita o PP, malia que retrocedeu, ampliou a distancia con Ciudadanos dende as xerais, e Vox perdeu a metade dos votos. Mesmo o PP convertese en refén da estrema dereita pra poder governar en varias autonomías e moitas cidades, algunhas tan importantes, por povoación e simbolismo, como Madrid. Asemade, Unidas Podemos recua en votos, en beneficio do PSOE, e esfarelase nunha morea de siglas; unha dinámica que semella non é quen de reconducir. 

Neste contexto todo indica que o PSOE, mantendo a iniciativa, decidiu ampliar a súa política de alianzas, intentando buscar o apoio de Ciudadanos en certas autonomías e cidades, pra restar forza ao bloque de dereita. Ou cando menos sementar dentro deste partido e na súa base fortes diverxencias. Isto ten súa lóxica, tanto polos necesarios acordos de Ciudadanos co PP e con Vox, como por ter que lle entregar aos de Casado presidencias e alcaldías, e as contradicións co PP respecto de dereitos como o aborto, igualdade de xénero, etc. A postura de Ciudadanos en Castela León e de Valls en Barcelona son os primeiros síntomas destas diverxencias internas, que os de Sánchez alentan. Ou sexa, tratase dunha estratexia do PSOE que, pra alén de buscar réditos inmediatos, ten un percorrido máis longo, co obxectivo de limitar ao máximo o poder da oposición e frear as reclamacións programáticas e de reparto do poder institucional que lle esixe Podemos. 

A incógnita é: até que punto esta viraxe condicionará a negociación co soberanismo, pra alén dalgunhas medidas simbólicas? (como que o Senado e o Congreso sexan presididos por cataláns). Sucederá outro tanto respecto da reforma laboral, Lei Mordaza, o tema das pensións e a dependencia? Non esquezamos que o Banco de España e a CEOE amosan os dentes, e a UE vai nesa mesma dirección. Unha tendencia regresiva que se reforzará en Bruxelas co pacto de governabilidade cos liberais, entre os que está Macron, lease Ciudadanos. Algunhas destas interrogantes vanse aclarar antes do día 15, cando se constitúan os concellos, outras haberá que esperar algún un tempo máis. En calquera caso, a historia previa do PSOE non fai pensar que tome decisións redistributivas atrevidas, malia que a súa base berrase até o cansazo ¡con Ciudadanos non! Nestes temas, tamén respecto da soberanía, será máis efectiva a mobilización que o debate institucional. 

Respecto dos resultados electorais na Galiza a tendencia dominante asemellase á do resto do Estado español, con algunhas excepcións importes. A máis destacada, que Ciudadanos é unha forza menor e Vox ten un carácter anecdótico. Neste aspecto a realidade electoral no noso país parecese máis á de Cataluña e Euskadi. Tampouco se pode obviar que o BNG consolidouse como terceira forza, tanto polos resultados nos concellos como polo número de votos ao Euro-parlamento, que ten un carácter máis político, menos ligado á xestión e ás persoas concretas. Ao que hai que sumar a recuperación da representación en Vigo e Ourense, e que o PSOE necesite do BNG pra governar en numerosos concellos; moito máis que á inversa. 

Por último. O recuar das Mareas, Podemos e EU, así como as diferenzas de proxecto, axudan a un reagrupamento do nacionalismo; outra cuestión é baixo que formas. Se fose así, aceleraríase o medre do soberanismo galego nas vindeiras autonómicas, o que contribuiría a un cambio cualitativo na Xunta de Galiza. 

Te puede interesar