Opinión

Viraxe á esquerda nun contexto complexo

Oacordo de governo entre o PSOE e UP implica cambios positivos. Por exemplo a derrogación dos aspectos máis regresivos da reforma laboral do PP, aumento do salario mínimo, respecto da igualdade e contra a violencia de xénero, fortalecer o carácter público da sanidade e substituír a Lomce no ensino, etc. Pra financiar estes gastos incrementarase a presión fiscal sobre as grandes sociedades e os altos ingresos, tamén se debuxa a creación dun imposto dixital e outro pras transaccións financeiras. 

O acordo contempla a redacción dun novo Estatuto do Traballo, pra frear a fraude nos “contratos dixitais” e os “falsos autónomos”, unha nova Lei de Seguridade Cidadá que substitúa a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP, e un novo Pacto de Toledo “pra blindar” o sistema de pensións. En fin, son promesas que levaran toda a lexislatura converter en leis, polo que os aspectos máis lesivos deberían ser anulados de inmediato. 

Noutras cuestións, como a dependencia, as migracións e a loita contra a pobreza e a marxinalidade, todo indica que as receitas propostas poñen o acento en máis na axuda-económica que en ofrecer solucións definitivas. Ademais, métense no mesmo saco temas moi distintos. Trátanse por igual ás persoas que por razóns físicas ou intelectuais teñen algunha dependencia con aquelas que están en situación de marxinalidade, por falta dun emprego ou porque este é precario e mal pagado. Na primeira opción a solidariedade debe ser permanente, na segunda non debe substituír un sistema que reparta con xustiza o traballo e os ingresos. Toda axuda contra a pobreza debe ser eficaz, e polo tanto transitoria. Máxime cando neste modelo os custes cárganse sobre a clase traballadora con ingresos baixos e medios (mesmo coas correccións que propoñen PSOE+UP).  

Sen dúbida o aspecto máis débil do acordo é o relacionado co recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, e con todo o que isto implica no aspecto histórico, cultural, lingüístico, económico e político. Tampouco se toca o papel central do sector público, pra alén de servizos moi básicos e asumindo a relación co sector privado (ensino, sanidade, pensións...). Ou sexa, déixanse de lado unha aposta estratéxica coa eiva que isto implica nunha etapa na que o capitalismo está nunha fase senil, potenciando seu carácter depredador, especulativo, delituoso. A esta altura banca, enerxía, transporte colectivo de viaxeiros e as telecomunicacións deberían ter un carácter público, tendo en consideración a súa incidencia cotiá de vida das persoas. Deste xeito evitaríase en boa medida a destrución da empresa e comercio local, co que isto implica respecto de manter unha distribución territorial da povoación máis racional, frear a desfeita ecolóxica, e impedir as situacións de privilexio das corporacións transnacionais

No contexto internacional a aguda confrontación entre potencias, así como o auxe das revoltas sociais deixan ver as costuras e limites do sistema. Este aumento das contradicións tamén está presente na Unión Europea co “brexit”, as protestas en Francia, o auxe da estrema dereita, o medre da fragmentación política e da abstención electoral, a precariedade e caída da natalidade. Son cuestións que amosan a incapacidade da UE pra ofrecer un proxecto con futuro. 

Esta crise do capitalismo agrávanse no Estado español cunha problemática nacional non resolta. Non é un aspecto que só abranga a Cataluña e Euskadi, porque ali governe o soberanismo. Pensan o PP e o PSOE  que o povo galego vai permitir un trato distinto ao destas dúas nacións? Abrir a porta  a certa soberanía implica facelo coas demais nacionalidades. Por iso lles custa tanto aceptalo a aqueles que lles favorece o centralismo no económico, e por suposto como factor de poder, de superioridade. 

Te puede interesar