Opinión

Xogos perigosos

Chama a atención que mentres os dous bloques en guerra na Ucraína, ou sexa este país máis aliados (G-7+OTAN) e pola outra banda a Federación Rusa, aumentan cada día os seus esforzos no eido militar, ao mesmo tempo non se cansan de facer propostas de paz, mais sen ceder nos seus obxectivos iniciais. Ou sexa, todo indica que se trata de aparecer na disputa como a xente boa da película. O que deixa en evidencia a importancia que ten, ademais do campo de batalla e a confrontación económica e financeira, gañar como sexa a hexemonía no relato. 

Esta actitude reflicte a teatralización da guerra, máxime cando o relato é tan contraditorio coa práctica. Non se pode esquecer que nas últimas negociacións pra chegar a un acordo de paz, foi a Ucraína, seica premida polas potencias occidentais, a que deu por rachados os pactos previos logrados en Turquía. Unha actitude que naquel intre carecía de lóxica e semellaba un suicidio, mais cando Merkel recoñece nunha entrevista que cos acordos de Minsk (do 2014) queríase gañar tempo pra rearmar a Kiev, fica claro que o sucedido era parte do guión inicial. 

Esta folla de ruta tan perigosa está forzada por Biden, e polo tanto do complexo militar industrial de USA e das grandes corporacións, co obxectivo final de debilitar a China, senón mesmo polas declaracións de Alemaña respecto de que un acordo de paz pasa pola renuncia da Federación Rusa aos territorios anexados. Algo impensábel, a menos que Moscova fose derrotada e o país se mergullase nunha revolta interna. Ou sexa, que o remate do conflito decidirase no terreo de batalla, con máis armas á Ucraína, sancións a Rusia e todo tipo de intervencións, e... tamén a apropiación de activos de Moscova? 

Lembremos que se trata dun conflito que dividiu á Ucraína, que leva oito anos de guerra civil, hai máis de 14.000 persoas mortas polos bombardeos de Kiev e quérese eliminar a lingua e cultura rusa que ten unha base histórica no leste e sur da Ucraína, e sobre todo pesa que a OTAN coloque armas nucleares na fronteira. Tampouco se pode obviar que o resto das potencias toman nota da actuación dos organismos internacionais, da conxelación de activos, de impedir a utilización do SWIFT, da imposición de prezos... Ulo o libre mercado e as garantías?

Diante deste escenario que condiciona a situación a nivel internacional en todos os ámbitos, ábrense moitos interrogantes. Respecto do conflito militar, por máis armamento e axudas que reciba Kiev, sofre un grao de desgaste militar e económico que non lle será doado manter. O apoio dos medios de comunicación occidentais, por máis hexemónicos que sexan, e a emigración, non solucionan as limitacións de todos os días, máxime cando o tempo pasa e as declaracións triunfalistas de Zelenski non se cumpren. Tamén Rusia sofre desgaste, mais ate o momento é moito menor.

Ao anterior hai que engadir a incidencia negativa sobre a economía da Unión Europea, non só por ter que pagar a enerxía máis cara, senón porque perde competencia fronte a outras potencias (maior gasto en armamento e defensa, perda do mercado ruso e doutros países moi ligados a esta potencia, e o deslocalizamento a Estados Unidos de empresas globalizadas (menor custe da enerxía, axudas pola Lei de Redución da Inflación, etc). Non será este un dos temas que tanto distancia a Francia e Alemaña, dado que non coinciden na resposta, malia que ambos países estean afectados negativamente pola actitude de Washington e cumpran unha papel subimperialista na asociación que manteñen coa potencia norteamericana?

Cómpre rematar xa coa guerra da Ucraína, e pra avanzar por este camiño a UE, e por suposto o Estado español, non deberían seguir apostando pola saída militar, que non fai máis que botar leña no lume, con consecuencias imprevisíbeis. 

Te puede interesar