Opinión

Autodeterminación?

Logo da renuncia momentánea de Mariano Rajoy, que colleu a Pedro Sánchez co paso cambiado, chegou o da coleta a deseñarlle o goberno ao candidato socialista. O PSOE colgou dunha percha o de obreiro e español, e está máis dividido que aquelas clases de álxebra que nos daban na Academia Bóveda. ¡Unha mágoa de partido!

Está Podemos prometendo pór todo de patas arriba. Fala de concederlle o dereito de autodeterminación a vascos e cataláns, e ata aos galegos. Eiquí xunto coas Mareas, onde hai moi distintas opinións de cómo facer política. Unha delas non facendo nada, como en Santiago. A Coruña e mailo Ferrol, lexislando contra as tradicións da nosa Terra. Cidadáns ampárase no seu líder Albert Rivera, que nun sitio apoia ao PSOE e noutro ao PP.

Mais as alarmas saltan. Xa que os nacionalistas vascos, cataláns e galegos falan do dereito a decidir, ou sexa a autodeterminación. Pero, que é realmente a autodeterminación? Un dereito daqueles pobos que son colonizados, segundo o aprobou a ONU, e que contempla tres supostos: un, ser parte integrante dunha entidade superior como eiquí tivemos coa ditadura centralista; unha segunda opción é a federalización ou o Estado das Autonomías, e o terceiro, a separación dun estado centralista, niste caso das Españas. Que non é o noso caso, pois eiquí non hai pobos colonizados. Endexamais os houbo.

Nin o País Vasco, nin Cataluña, nin, por suposto, Galicia, tiveron endexamais as maiorías que se exixen para separarse das Españas. O noso Estatuto aprobouse co 32% do censo. E vascos e cataláns nunca obtiveron a maioría suficiente para se separar do Estado. Mais síguenlle dando á matraca independentista. E Podemos di que os vai apoiar. Pois que os apoie, porque van levar outro revolcón dos que se sinten cataláns, vascos e galegos, pero tamén españois.

Así que, inda que a Constitución non o permite, se se autodeterminaran levaríanse o enésimo desengano. E Pedro Sánchez, como di a zarzuela: “Tantas idas y venidas. Tantas vueltas y revueltas. Me dirá si son de alguna utilidad”. Que pensen en resolver os problemas políticos e sociais pendentes e tamén os económicos, e deixen de marear a perdiz. E de autodeterminación, menos lobos. Federar é xunguir, e que que cada quen goberne o seu nas Españas, dentro da indispensable solidaridade.

Te puede interesar