Opinión

Don Ramón

Mañá día 10 de abril cúmplense corenta anos do pasamento de Don Ramón Otero Pedrayo, ao que tiven a honra de tratar e de pasar moitas horas con el tanto en Trasalba como na rúa da Paz. a Don Ramón coñecino sendo eu directivo do Orfeón “Unión Orensana” cando remataba de vir de Arxentina e clausuraba unha das Semáns Culturais que por Santa Cecilia celebraba a asociación que pola aquela época tiña a coral máis antiga da nosa provincia.

Faise difícil resumir nun folio unha amizade de tantos anos, unha gratitude hacia un persoeiro que quen esto escribe tivo a honra de tratar tantas e tantas horas. lembro que, xa postrado na cama da que non se erguería máis, veu á nosa cidade o ministro de educación, o señor Martínez Esteruelas, a lle por unha condecoración que lle concedera o Goberno de España (Don Ramón falaba sempre de España, non como estes “demócratas de novo cuño” que sempre din estado español, cando quen máis falaron de estado foron Hitler, Mussolini e Franco), e ao recibila díxolle: “preocúpense ustedes de que no se pierda el latín”.

Outra vez fixeramos (cando eu era presidente da Comisión das Festas Maiores e concellal de Cultura), unha exposición no Museo arqueolóxico de tódolos pintores da nosa provincia. pois ben, invitamos a Blanco Amor a que dera a conferencia de clausura, pero resulta que neses días o grande novelista e escritor discutira acaloradamente con prego, o pintor, e, enfadado, chamou a Anxo, o encargado de organizar a exposición por parte da Comisión, pra lle dicir que non daba a conferencia. Anxo veume ver á miña oficina compunxido e deume a nova: “Que facemos agora?”, espetoume. eu meditei uns segundos e díxenlle: “imos ver a Don Ramón e a pedirlle que clausure il”. O Anxo torceu o morro, mais aló fumos. Xa tomando as copas de Oporto que a súa dona Fita sempre servía ás visitas, dixémoslle que Blanco Amor non podía dar a conferencia prevista, pois non se encontraba ben. Don Ramón, logo de mirarnos con aqueles olliños ás veces pícaros, respostounos: “ah, o Eduardo está doente… Cando é a conferencia?”. e deu unha maxistral lección sobor dos artistas presentes na exposición. Cando baixabamos a rúa da Paz, pergunteille a Anxo: “Ti cres que se fora ao revés Blanco Amor tería sustituido a don ramón?”. O Anxo foi taxante: “non”.

Sendo tenente de alcalde, tamén tiven a honra de propor a Don Ramón como sucesor de Vicente Risco no posto de Cronista da Cidade, moción que foi a única que se presentou en galego no Concello durante a ditadura, e que foi aprobada por unanimidade. e lembro que ao día seguinte, cando o alcalde Ferrer Garrido e mais eu llo fumos comunicar oficialmente, Don Ramón díxonos: “esquecéronse vostedes dunha cousa. Tíñanme que ter traído unha pluma de ave”. Sorrimos e bebimos o Oporto que dona Fita nos puxo enriba da mesa.

E remato co que escribín nunha conferencia: “Cando Don Ramón falaba, toda Galicia púñase a escoitar”. acabouse o espacio, mais faría falla unha folla enteira de la región para resumir “O don ramón que coñecín”, a miña publicación sobor da miña relación co mestre de Trasalba. parabéns aos organizadores da merecidísima homenaxe ao sempre lembrado Don Ramón, do que teño no meu despacho unha fotografía na soleira de Trasalba adicada polo mestre e benquerido amigo que me inculcou o amor a Galicia.
 

Te puede interesar