Opinión

Escomenza a fuxida

Non sei se pola irrupción de Podemos, que quere pór todo patas arriba, ou porque as Españas cheiran e non ben. O caso é que fuxiu o Rubalcaba, Gallardón, Cayo Lara, Belloch… O caso é que da a impresión de que escomenzou a fuxida, á que hai que engadir os dous ex PSOE-A, o Griñán e o Chaves, que con máis de douscentos pesoístas e sindicalistas andaluces marcharon, ao parecer da xuíz Ayala, co santo e coa esmola. O sindicalista Méndez da UGT tamén quere fuxir. Tamén o Valeriano Gómez, exministro con Zapatero.

Podemos estalle a meter medo sobor de todo a PSOE e IU co seu populismo cara a ningures. Xa que primeiro ten que gañar as xerais e logo facer propostas que encaixen nesta Europa que nos mira con ollo. Pór todo de patas arriba encántalles a algúns que eu ben sei, por aquilo de canto peor, millor. E non é así.

Efectivamente, as Españas teñen que se vertebrar definitivamente. E non seguir co estado das autonomías asimétrico, onde o que non chora non mama. E esí pasa que hai pobos –o PaísVasco, Navarra- cun réximen económico especial que os beneficia, e teñen un nivel de vida máis alto ca o resto. Catalunya, coa súa deriva independentista, xa desde o tripartito –pesoístas e independentistas- deixaron un burato de non te menees, e que o iluminado de Artur Mas so fixo afondar máis, e estalle a deber cartos a todo quisque.

As Españas, ao meu xuízo, téñense que vertebrar nun estado federal onde a solidariedade sexa o primeiro que “reine” nesta Nación de Nacións. E logo quitarlle aos distintos pobos algunhas competencias que deben ser do Estado: Sanidade, Xustiza… Non estamos en tempos de vacas gordas e non van a chegar en varias xeracións. Esí que hai que asentar unhas bases pra que eiquí ningún pobo sexa un protexido do Estado como está a suceder. ¿Que proposta de federalismo propón Pedro Sánchez dende o PSOE? Porque somentes con andar de camisa branca e sorrindo non se arranxan os problemas, que hai moitos. Xa sabemos que o Partido Popular non quere oír falar de federalismo, pra así contentar aos pobos ou nacionalidades onde hai máis habitantes e ver se así sacan votos dabondo. O centralismo-autonomismo asimétrico que estamos a padecer non leva a ningures.

Hai, dunha vez por todas, que dárlle sentido ao Senado como cámara de representación territorial, do que sempre falan uns e mailos outros e ninguén arranxa. E facer as listas abertas, pra que cada quen vote a quen considere mellores xestores, e non estas listas pechadas onde van unha serie de xentes que soias non sacarían nin un voto. E se segue a fuxida de políticos queimados, pois mellor que mellor.

PD: E o Bolinaga a tomar txikitos que lle van de maravilla pra o cancro. E o colaborador diste xornal A.R.V-A. di que a Cristina de Borbón entra no apartado dos pobres no referente a Xustiza.

Te puede interesar