Opinión

Jordi e María

Tanto monta, monta tanto. Jordi Pujol i Soley e Marta Ferrusola, ou ao revés. Mentres uns e outros andan a desfollar a margarita pra formar goberno, o xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata firma un auto no que imputa a Jordi Pujol i Soley e maila súa dona Marta Ferrusola “por blanquear fondos de orixe criminal”. E iso que estes dous mexan auga bendita.

Agora resulta que a dona do exhonorable tamén tivo unha herencia en Andorra. Estes sous son un milagre herdando. E o maxistrado afirma no auto que “esta circunstancia está ademais contradicta polo feito de que en Andorra afirmouse por parte dos membros da familia Pujol-Ferrusola que os cartos viñéranlle dunha herencia, pero da rama familiar de Marta Ferrusola Lladós”.

O conto é que usaron testaferros para abrir contas en México, Andorra, EEUU, Paraguay, Arxentina e Panamá. “Isto contradíce -segue o auto- a versión do exhonorable”. E todo por asesorar a empresas cando Jordi Pujol era presidenta da Generalitat. Este bo señor contaba cun “entramado societario internacional disposto pra o blanqueo de capitais”. O conto é que suman varios miles de millóns, que non os gaño eu tódolos días.

Claro que estivo vintetrés anos á fronte da Generalitat de Catalunya, e que “España nos roba”. Carallo. Menos mal que lle roubamos, que se non fanse co cortixo español a pesares de que o arcebispo emérito monseñor Sitarch dixera que: “Jordi é un referente de honestidade”. Se o monseñor estivera calado e predicara o Evanxeo moito mellor lle iría a Catalunya, que é o país das Españas onde menos cristiáns hai.

Feliz 2016 pra os lectores de La Región, e xa saben aquelo que din os nosos paisanos, que “aos ricos párenlle os bois”.

Te puede interesar