Opinión

Lembrando o Montejurra 76

Si, fai corenta anos que un fato de carlinos galegos fumos ao Montejurra. Esa montaña sagrada prós carlistas. Sete compañeiros galegos acudimos á cita que cada ano, no mes de maio, nos convoca a quenes fixemos “por cimeira a boina bermella e a Cruz por blasón”. O que non sospeitabamos era que nos estiveran agardando, tanto en Iratxe como na cima do monte santo, unha morea de ultradereitistas: Guerrilleros de Cristo Rey, terroristas arxentinos, franceses e italianos, perfectamente pertrechados con armas automáticas do Exército español, facilitadas polo xeneral Campano e tolerados por quen curiosamente era o ministro de Interior, Manuel Fraga Iribarne.

Na esplanada de Iratxe, quen esto escrebe parolaba cos correponsais españois e extranxeiros que acudían a dar conta do Montejurra 76, cando escoitamos un rebumbio de trompetas e tambores, xente uniformada a cuio fronte ía un facineroso expulsado do Carlismo, Sixto de Borbón. E ao se achegar a esplanada do mosteiro, punto de partida pra rubir ao Montejurra, tratamos de lle impedir o paso cos bastóns que sempre levamos pra nos axudar polo empinado camiño cara á cumbre dese Cristo preto que preside o val de Estella. Un home con gabardina disparou coa súa pistola e feriu de morte a Ricardo, un dos compañeiros que alí estaban. Quen esto firma encontrábase a dez metros dos disparos, e viu como o pobre compañeiro se retorcía co disparo no ventre, mentres un axente do orde, un garda civil, permanecía impávido, sen escoitarnos a quen lle reclamabamos que disolvera a aquela xente, que para máis inri levaba a boina bermella. Mais o garda civil nin caso… pois tiña orde de non intervir.

Xa rubindo o monte, que non se ollaba pola brétema, facíamoslle compaña a S.A.R. Don Carlos Hugo de Borbón Parma, o noso líder, e máis ás irmás e a súa dona, S.A.R. Doña Irene de Holanda, a quen o ministro de Asuntos Exteriores, o conde de Motrico, avisara por medio da súa irmá a raíña de Holanda pra que non acudira á cita anual á que sempre asistía. Ou sexa, que o goberno de Adolfo Suárez, co ministro de Interior Fraga, non controlaba aos facinerosos que asasinaron a outro compañeiro, Aniano, xa case ao chegar a cima do monte santo da Tradición, e feriron con ametralladoras a varios compañeiros máis, aos que vimos pasar cando os baixaban polo estreito camiño: un cara a Estella, de onde era nativo, e outros cara ao hospital. Logo, xa na cidade que fora Corte dos reis carlistas, meu fillo Manuel (q.e.p.d.), e máis eu fumos detidos e levados a un cochambroso calabozo, sen motivo algún, ata que o tenente coronel da Garda Civil de Estella nos puxo en liberdade logo de interrogarnos.

A historia hai que contala e escribila, pra que non se volva a repetir. O TOP puxo aos asasinos en liberdade pola “súa bondade persoal, excelente conducta e hombría de bien”, beneficiándose logo da amnistía de 1977. Eí queda a historia. Voltaremos de novo ao Montejurra pra lembrar aos que abriron camiños de liberdade, derramando o seu sangue pra que todos poidamos vivir en paz coa partitocracia que disfrutamos. Algo é algo!, máis o prezo foi moi grande.

Te puede interesar