Opinión

Os magos

Pasou o día mais non pasou a romaría. A romaría do día dos Reis Magos. Na miña etapa, e perdoen que escriba en primeira persoa, de edil no Concello de Ourense, fun Rei Mago durante oito anos. O conto é que o “Poncio” de turno, que esí se chamaba ao gobernador civil, falou co noso alcalde David Ferrer Garrido pra lle pedir que o Concello se fixera cargo da Cabalgata de Reis, xa que o Frente de Xuventudes non tiña presuposto pra facelo. Pos ben, David Ferrer pediume que como concellal de Cultura apandara coa encomenda. E o fato de compañeiros que formabamos a Comisión Municipal de Festas puxémonos á tarefa.


O primeiro que decidimos foi que os Magos foran a Peliquín, onde están as cocheiras do ferrocarril, e “inventar” o Oriente Express, que chegaba á Estación Empalme cos andéns cheos de xente, nenos que collían os caramelos que lles botabamos como se foran billetes de lotería. Percorriamos dende o Fogar Infantil da Deputación na estrada da Lonia ata o que había fronte ao templo votivo da Nosa Señora de Fátima, antes do propio percorrido da Cabalgata: a Ponte de Canedo, a Ponte Vella, rubindo pola rúa do Concello á do Paseo, baixando logo ao Progreso e outra vez cara ao Concello, onde adorabamos ao Neno. Despois, dende o balcón principal liamos a mensaxe aos nenos que enchían a Praza Maior.


Teño moitas anécdotas daqueles oito anos de Rei Melchor, como aquela na que un taxista me pedía que subira á súa casa pra lle entregar uns xoguetes a unha filla que estaba doente na cama. Foi verdadeiramente emocionante. Como foi ao día seguinte, cando instalados os Magos nos soportais do Concello entregabamos xoguetes e caramelos aos nenos que elí se acercaban. Eu, levado da miña militancia carlina, soltaba de cando en vez un “¡Viva el Rey!”, sen dicir cal, naturalmente, e un xornalista de La Región xa finado acercábase a mín para dicirme, “Manolo, como te aproveitas, carallo”. Eu respostáballe á orella: “E que está prohibido facelo e hai que aproveitar estes intres”.


Agora que nas Españas gobernan quen queren suprimir, e fanno, as tradicións e maila cultura que fixo desta terra nosa as Españas, como en toda Europa, é xusto e necesario que os beléns segan nos nosos fogares e que a festividade do Magos teña o maior esplendor. Quen esto enriba firma tivo nos anos setenta unha polémica cun crego que estaba empeñado en desmitificar a festividade dos Reis Magos. E logo de dicirlle o que acabo de escribir nas liñas anteriores, apostillei: “Non se pode nin se debe matar a ilusión. Xa sexa dos nenos como nos maiores”. Pois do contrario teremos unhas Españas tristes e terxiversadoras do que foi o noso berce.
PD.: A miña gratitude impagable ao Dr. Manuel Garrido Valenzuela.

Te puede interesar