Opinión

Poesía en Garabás

Coñecín, tratei e intimei con membros da Xeración Nós. Aqueles bos e xenerosos que nos deixaron pra sempre. Pero hai quen colle o relevo, don Víctor Campio Pereira. O noso grande poeta e escritor de Garabás, onde o noso idioma, que eu mamei en San Pedro de Moreiras e inculquei aos meus fillos e netos, brilla dabondo.

Pois agora que rematou o Nadal 14 chegan os Reises do 2015, e don Víctor envíame unha “lembranza dos anos trinta” na súa casa de Garabás. Si, elí onde teño familia e tiven bos amigos: “Volvín tralos meus pasos/ ao encontro./ Quixen chegar a ti,/ verte de novo/ á luz da miña infancia,/ ceibe nos soños” (Víctor Campio).

E nesta festa de Reises Magos tivera eu no 1973 unha polémica cun crego nestas benqueridas páxinas, pois dicía o crego en cuestión que os Reises Magos non existiran e que non se debera celebrar esta fermosa festa. ¡Hai cregos e cregos…! Resposteille dicindo que a ilusión dos nenos de dos non tanto, no se debía “matar”, e menos cando a un o ordenan crego.

Perdéronse as cantigas das panxoliñas, pois o “progreso” ten outras prioridades. Que os Reises lles deixen aos lectores diste xornal moitas ilusións neste tempo da maldita crise, e co grande poeta, e non menos novelista, de Garabás, rematemos estas liñas. “Alí veñen as xentes/ cantando a coro,/ lembrándose dos vivos/ e dos mortos. Esta casa faiadiña/ con tellas de prata e ouro,/ Deus axude a quen a habita /e tamén aos que se foron”. Feliz 2015 pra todos, engado eu, humilde escribidor.

Te puede interesar