Opinión

'ORDENO Y MANDO'

Era luns. Vinte de xullo de 1936. A media mañá corre por Ourense o rumor de que se vai declarar o Estado de Guerra. Poucas horas despois o Comandante Ceano, Xefe do Batallón de Infantería de Ourense, lería públicamente o primeiro Bando das forzas sublevadas. O bando estaba encabezado por verbos taxativos e imperativos, “Ordeno y mando…”, e firmábao o Teniente Coronel Militar da provincia, Luis Soto Rodríguez.


Constaba de dezasete artigos que suspendían todas as garantías individuais da Constitución republicana. Prohibía as reunións políticas e sindicais e prohibía expresamente o formar ou circular grupos de mais de tres persoas. Declaraba ilegal todo tipo de folga, incautaba todos os vehículos e automóveis de todas clases e prohibía a circulación rodada. Tamén estaba prohibido aproximarse, fóra de horas laborais, a puntos estratéxicos como liñas férreas, centros de enerxía eléctrica, dependencias militares, etc. Todos estes supostos delitos eran suliñados con expresións como “Juicios sumarísimo” ou “Reclusión perpétua a morte”. Este Bando establecía asimesmo a censura militar de prensa e de todo tipo de escrito público, así como a obriga inexcusable para todos os funcionarios públicos de obedecer e apoiar as ordes das novas autoridades.


Este Bando está parcialmente inspirado no proclamado o día anterior en Valladolid polo General Saliquet e da o sinal de saida para o Alzamento en Ourense e a imposición duna nova situación política. Os sucesos dos últimos meses en Ourense e no Estado (radicalización das forzas políticas, folgas xerais e conflictos obreiros, enfrentamentos mortais nas rúas…) presaxiaban dalgún xeito unha situación conspirativa que realmente era xa un segredo a voces, e que a racionalidades dalgúns políticos quixo inútilmente evitar.


PREPARATIVOS

As conspiracións antirrepublicanas comenzaron xa ao día seguinte de proclamarse a Segunda República. Nelas participaban políticos monárquicos e tradicionalistas, os falanxistas, a aristocracia e algúns elementos das finanzas e un sector dos militares. Tamén en Ourense houbo preparativos previos, polo menos dende comenzos de 1936. Disto da fé Fernando Meleiro, historiador oficial da Falanxe local, quen nos informa dunha reunión do dirixente tradicionalista Carlos Morais, comisionado polo Comandante Ceano, e o dirixente falanxista no Hotel Roma, co motivo de coñecer a posición da Falanxe ante un posíbel golpe de Estado. A reunión celebrou-se antes das eleccións de febreiro e na mesma estableceu-se un plan provisional de colaboración, que incluía dende a distribución de armas até a elaboración dun listado de persoas para someter a estreita vixilancia. Destes contactos, según este autor, tiña noticia o propio José Antonio a quen informaban por medio de viaxes a Madrid. En sucesivas reunións participan o Comandante Ceano e o Gobernador militar, Tte. Coronel Luis Soto. Un primeiro intento de golpe previsto para a noite electoral de febreiro houbo de ser aprazado por non chegar a consigna definitiva do mando.


Destes preparativos infórma-nos tamén Silva Ferreiro, historiador oficial da guerra civil, quen engade a chegada a Ourense, a mediados de xuño, dun capitán do exército procedente de Melilla, coa intención de pulsar o estado de ánimo dos xefes e oficiais ante a sublevación. Diversas localidades da provincia, antes do vinte, foron contactadas co mesmo obxetivo.


O dezasete de xullo estaba en Ourense o xeneral Gómez Caminero, adicto a República e enviado por esta para impedir a rebelión presentida, pero, ao parecer, deixou Ourense sen lograr a súa misión. Dende o día dezaoito empezan a chegar noticias do Alzamento en Africa (anque a prensa non as recolle) e dende ese día as tropas permanecen acuarteladas esperando ordes da VIII División Orgánica, que debían ser transmitidas polo Estado Mayor.


O ALZAMENTO

A noite do 19 foi tensa no Goberno Civil e nos locales do Frente Popular. Esa mesma noite presentáronse no cuartel douscentos falanxistas e requetés dispostos a loitar cos militares sublevados, pero foron despedidos até novo aviso. O Gobernador Civil, Gonzalo Martín March, chama a Ceano ás oito da mañá do día 20 para pulsar a súa opinión.


Ceano ameaza con sacar as tropas á rúa se se reparten armas aos obreiros. Horas despois hai outra intervención negociadora, neste caso por parte do Comandante de Carabineros, Federico Ayala Victoria, adicto ao goberno. Ayala comunica a Ceano que o gobernador pensa facer uso de explosivos e movilizar ao povo ao que responde o Comandante Xefe: “A la primera explosión que oiga mandaré disparar los cañones contra el Gobierno Civil”.

Fracasada esta iniciativa os xefes militares trasládanse ao cuartel da Guardia Civil, onde reciben unha chamada da Coruña da VIII División Orgánica instando a declarar o Estado de Guerra. Hai un intento de defensa dende o Goberno Civil (entón no edificio da Deputación) onde o Teniente de Seguridad Marcial Barrios García, insta ás forzas da Guardia Civil e Asalto a pechar as portas do Goberno e defendelo.


Este intento fracasa coa intervención do Comandante Xuiz Militar da Plaza Antonio Casar ao que se unen as tropas do Goberno. O Gobernador Civil refúxiase no seu despacho co seu segredario, co teniente de Seguridad, con Aníbal Lamas (xefe do Frente Popular) e membros da súa escolta. Asaltado o Goberno Civil, por tropas ao mando do teniente coronel Soto, son detidos o gobernador e os seus acompañantes.


As dúas da tarde, declárase o Estado de Guerra. Baixan as tropas formadas pola actual rúa de Capitán Eloy, ao mando do Teniente Cuevillas. Según testigos presenciais, o Bando foi lido por primeira vez xunto ao Banco de España polo Comandante José Ceano Vivas. Despois foi lido tamén diante do Goberno Civil, na Praza Maior e noutros pontos da cidade. A primeira reacción da xente foi unha mestura de medo e curiosidade. O comercio abriu e non se interrompeu a vida escolar. Moitos obreiros faltan ao traballo… Comenzaba a “longa noite de pedra”.

(*) Historiador, publicado en

La Región en 1986.

Te puede interesar