Opinión

TROPAS NOS FRENTES DE GUERRA

Galiza na retaguarda cumpleu o papel de centro distribuidor de tropas aos diversos frentes de guerra. Particular importancia tiveron as primeiras columnas organizadas xa en xullo de 1936 dende A Coruña e Ourense. Na cidade coruñesa organizouse a columna Oscar Nevado (logo coñecida como “Batallón Gallego”), mandada polo Teniente Coronel dese nome. Estaba composta por máis de mil cincocentos homes, entre eles unha sección de ametralladoras de Ourense mandada polo capitán Navas, que se une en Ponferrada ás tropas coruñesas (sae de Ourense o 27 de xullo). Esta columna dirixiuse polo Alto dos Leóns, cara Castela e o frente norte de Madrid.


O comandante José Ceano Vivas xa fora o encargado de dirixir tropas ourensás para aplastar a resistencia republicana en Tui (24 de xullo). Poucos días despois, o 28 de xullo, organízase a columna Ceano que, mandada por este Comandante de Infantería, acude en auxilio do coronel Aranda e as tropas franquistas sitiadas en Asturias. Esta columna estaba composta por tres compañías de Infantería, unha de Asalto, outra de Sanidad Militar, outra de Ametralladoras e unha batería do 16 ligero con material de montaña 10 1/2 mandada polo comandante Judel.


Ao día seguinte recolle efectivos en Lugo e parte para Asturias, librando diversos e fortes combates nas localidades asturianas de Vegadeo, Navia, Villapiedra, Luarca, etc., durante o mes de setembro. Ferido o comandante Ceano, faise cargo da columna o teniente coronel Teijeiro e posteriormente o coronel Martín Alonso. Despois de unirselle varios batallóns máis e outras tropas do Tercio de Regulares, a columna chega o 17 de octubre a Oviedo tomando a cidade e derrotando a resistencia republicana.


Os soldados galegos en Asturias, entre eles moitos ourensáns, eran coñecidos polos resistentes asturianos como “os mariscos”, ou “os langostinos”, pois foron os galegos quen levaron o maior peso da guerra contra os republicanos e mineiros asturianos.


Os primeiros soldados movilizados foron os dos reemplazos comprendidos entre 1932 e 1936, pero as autoridades militares insisten continuamente na necesidade de voluntarios. En moitos casos ofréceselle a estes voluntarios retribucións futuras sustanciosas, asegurándolle opción preferente en destinos públicos. Dende setembro aparecen na prensa anuncios para alistarse no Tercio, incluindo a paga, comida e vestuario dos legionarios. Según o anuncio “los legionarios son los soldados del Ejército mejor retribuidos, los de mejor porvenir”.


OS VOLUNTARIOS


Importante tamén foi a aportación galega ás milicias voluntarias de falanxistas, requetés e japistas dirixidas aos frentes. Os primeiros en marchar foron os Voluntarios de Orense (13 agosto), 700 soldados ao mando do capitán Rodríguez Volta camiño de Asturias. Despois sairon, tras concentrarse na Coruña, varios centos de falanxistas ourensáns na Bandera Legionaria Gallega, ao mando do Comandante de Estado Mayor Juan Barja de Quiroga. Esta Bandeira saiu en dirección a Burgos, para trasladarse logo a Andoaín e Hernani e finalmente no frente de Huesca. Volverán a Galiza a comenzos de novembro.

A mediados de agosto sae para Santiago unha columna de requetés de Ourense, ás ordes do seu xefe Nicolás Alcaraz del Río (os “Boinas Rojos”). En días sucesivos saen varias expedicións de requetés dende Ourense, de xeito que a comenzos de setembro xa había 30 requetés ourensáns no frente do Guadarrama (entre eles, o capitán Alcaraz, o alférez Morais, o alférez Fernández Rego e o xornalista Cerezales).

Tamén as Juventudes de Acción Popular (JAP) preparan unha columna a finais de setembro de 1936 que se concentra en Salamanca, ás ordes do Comandante Fortea (xefe do cuartel das JAP). Finalmente, en Ourense o Comandante Casar organiza un batallón de veteranos voluntarios, os Caballeros de Santiago, para colaborar nos servizos de seguridade e vixiancia. Casar dáballes conferencias no Paraninfo do Instituto, e facían instrucción no Goberno Militar. Eran máis de trescentos e os funcionarios do Estado eran obrigados a alistarse (entre eles, Vicente Risco, Cuevillas, Angel Ferrín, etc.).


OS CAÍDOS


Dende comenzos de agosto empezan a producirse baixas entre os soldados ourensáns, primeiro no frente asturiano e logo no de Huesca. No primeiro caso son, maioritariamente, soldados de diferentes profesións, algúns moi novos, caídos todos no frente asturiano. O de maior graduación é o capitán de infantería Eloy Alvarez Martín, que mandaba unha compañía en Asturias e foi unha das primeiras víctimas da guerra. Outras víctimas dos primeiros meses foron o sarxento Andrés Nieto Tabarés (avogado e presidente das Juventudes Católicas); os alféreces Juan Ortiz Neira, José Casal Seoane e Manuel López Concejo; o sarxento Celso Cobas Fernández; os cabos Francisco Vázquez Rodríguez, F. Reinaldo Gómez, Manuel Perianes e Pedro Díaz López, e os soldados Manuel Díaz Rodríguez, Fernando Palmero Vide e José Grande Rivas. Son moitos tamén os falanxistas mortos, principalmente na “Legión Gallega” no frente de Huesca. Con Silvio Viso Justo, natural de Castrelo de Miño, un numeroso grupo de falanxistas carballineses: Perfecto Pousa, Silverio Fondado, Manuel Padrón Vaamonde, etc. As comarcas do Ribeiro e Carballiño eran dúas das zonas onde a Falange tiña unha maior presencia organizada naqueles días.


Tamén na retaguarda había baixas, anque moi escasas. E o caso do falanxista Eladio Camba Santos, natural de Xunqueira de Ambía, morto en Vilamartín de Valdeorras nun encontro cos “roxos”. Outros volvían feridos dos frentes, entre eles o propio Comandante Ceano, ferido en Asturias. A finais de setembro eran vintedous os feridos de guerra que xa estaban en Ourense, recibindo unha homenaxe na Alameda da cidade.

Non coñezo ningún estudo global sobre o balance de víctimas galegas no bando nacionalista, anque quedan moitos datos ainda para levalo a cabo. Stanley G. Payne, no seu libro “Los militares y la política en la España contemporánea” (París, 1968), ten valorado o aporte dos voluntarios carlists e falanxistas ás tropas do Exército de Franco. Estas tropas voluntarias supoñen unha cuarta parte do total de soldados destinados nos frentes. Para o caso galego foron arredor de sete mil os voluntarios movilizados, dos cales un oito por cento morreron nos frentes e un vintecatro por cento volveron como feridos de guerra.


(*) Historiador. Publicado en LA REGIÓN en 1986.

Te puede interesar