Opinión

Amar, amor

Volver a amar, mil veces se é preciso, aínda que sempre sexa a ti. Volverte ver asi, como aquel día cando a Lúa tiña cariña de gatiña casadeira e o Sol lle chiscaba o ollo, seductor, para matala de amor. Pillabán, que contaxiou a todos cantos contemplamos o crepúsculo aquela tardiña coa súa máxica fórmula de namorar! Quen podía resistirse? Quen era quen de parar aquel feitizo?

Arrebatadora a noite, escravo o día dos andares e donaires daquel corpo insinuante e conquistador que te rondaba e che roubaba a razón. 

Eran longas a horas e as semanas, sen embargo, voaba o tempo entre o alento e a pel de quen te amaba… mil veces… por que non? Hai romances que nacen con cada mencer, que brotan coma as follas verdes, fieis sempre á mesma árbore, á mesma planta, á mesma raíz que os afunde na súa terra misteriosa. Fora: a flor, o perfume, o vestido. Dentro: a pel, o latexo, o sentido. Arriba: a luz, o aceneo do pícaro astro que abrasou de paixón a Selene co seu primeiro bico. Abaixo: nós, meu amor, auga entregada. 

“Volver a amar”, canta unha voz romántica que sae pola ventá da casa do meu veciño, e chocando vai coas nubes e coa choiva, co vento, co sonido da cidade e o frío do inverno e co corazón de todo aquel que vive namorado do Amor. Será vostede, meu querido lector?

Te puede interesar