Opinión

Amor de verán

Ia aproximándose a túa cara á miña. Os meus ollos ensoñados ante os teus. Sinto o teu corpo achegarse a mín para despedirte, as túas vacacións rematan e ti marchas xa. Mordes a boca e asoma a mirada chorosa, luminosa que me namorou, agora presa dunha morriña por algo que se vai. Neste intre volven a nós todas as risas que se perderon nos días de lecer, nas noites felices nas que nunca era hora de ir para a cama. Alí, entre ti i eu, os amigos, cómplices da nosa aventura, eles viron nacer esta historia de amor. Recordo os primeiros días cando chegaches á aldea, a túa inxenuidade case infantil arrebatou o meu romantismo. Acórdaste? As primeiras miradas seductoras, os primeiros roces, o día que recoñeciches “que che caía ben” a noite que te acompañei á casa e nos saiu aquel can… Cando contemplamos os dous as Bágoas do San Lourenzo e pensei morrer de amor. Atrás queda o noso primeiro bico entre a escuridade e aquelas casas vellas que foron o noso refuxio preferido. Alí escoitei o teu corazón co mesmo medo que o meu, o mesmo silencio aturdido de dous adolescentes que se enfrontan ó mar do amor. Vaste. E séguese achegando  -neste instante fugaz que eu quero alongar á miña maneira- a min a túa boca e noto o teu salouco, dentro… moi dentro. Choras porque te vas i eu choro porque te perdo. Paréceme que estou vendo o futuro, e que voltamos ás verbenas coas mans entrelazadas, medíndonos os dedos, ó noso ritmo e compás, mentres nos miramos sen pestenexar. Seremos algo máis que unha pinga de recordo no solpor dun verán calquera? Quedas coa túa cara na miña, pegada, e sinto meu o teu suspirar… Estou inmóbil -a ver se así non pasa o tempo- e ti buscas a miña man como fixeches onte cando bailamos aquela peza na que me xuraches non esquecerme. Hai un olor a saudade, a perda, a silencio, pero as follas verdes do carballo da praza móvense cunha brisa fresca que inspira esperanzas. Os labios que biquei e as túas mans de pomba deixanme o su tácto permanente no meu pelo.

-Adeus -disme tremendo-.

-Está amañecendo - dígoche eu- Non deixes de mirar o ceo e os seus cambios de cores.

Que para min é o mesmo que dicir: Sexamos a luz que non se apaga. Amémonos sempre.

O teu corpo miúdo entra no coche e alónxaste deixando unha estela de lembranzas, con sabor a bicos, pel núa e bailes en liberdade. Amañece. Durará o noso amor ou será coma o fume do coche que te alonxa de min? Seremos, princesa miña, algo máis que un amor de verán?

Te puede interesar