Opinión

Carta aos Reis Magos

Queridos Reis Magos:

Un ano máis volvo confiar na súa infinita bondade e a súa honorable intención de encherme o zapatiño vermello de fermosos agasallos aínda que lles insisto cada ano que a mín o pouco éme moito. O papá quere que lle traían un acordeón con ás de paxaro para que lle sexa lixeiro e pese menos ó tocar. A mamá quere un “caducador”, xa saben, ese aparello que fai pudrir os cartos. Ela di que se caducan igual cas patacas aprenderemos a querernos verdadeiramente polo que somos e non polo que temos. Hai quen di que “chove na casa do pobre”así que mellor será que lle poñan tellas novas, maxestades, para quitarlle a pena… O frío non é bo compañeiro. Os avós queren un novo candil, deses de candea especial, xa saben, da que quenta o corazón coa calor do fogar. Os meus amigos seguen sendo os meus mellores tesouros e podo sentir a ilusión como o “paxaro na man e o tamén no cento voando”, así que non podo pedirlles máis que aquela antiga chave de ferro que abría a porta azul grande do patio cando era nena. Seguro que vostedes conseguirana para mín, perdina un día e non sei vivir sen a súa maxia. Con eso xa me conformo, maxestades. 

Ah, ó canciño viríalle ben algún capricho… e tamén ós gatiños… Que lles parece un pequeno rato de xoguete? Así verémolos correr a uns tras dos outros mentres escachamos coa risa. 

A chave… recórdollo… de ferro!

Te puede interesar