Opinión

Cen anos da Coral De Ruada

Opinión

Cen anos da Coral De Ruada

Había una vez, hai cen anos, na cidade das Burgas, uns seres que soñaban música… Esto pode ser o principio dun conto ou dunha lenda ou dunha festa porque a Coral De Ruada todo o converteu en canción.

Cen anos de ensaios, de partituras diferentes, cen anos de amigos que veñen e van entre bambalinas, cen anos de instrumentos ben afinados, de notas precisas, de traxes impecables, de xoias adecuadas e acordes á época. Cen anos de voz limpa, de arte no porte, no andar e no deterse. Cen anos de durmir con ansia, de viaxar cedo e voltar tarde. Cen anos de ilusión que pesan máis cós desvelos. Cen anos dando acordes como agasallo para o espectador que respira a golpe de música. Directores que raian a excelencia, presidentes que se desviven polo seu ideal. Por trascender… namorados todos de todos e todo. Cen anos de paixón. Só así se pode chegar tan lonxe, artistas.

Querida Coral De Ruada. Grazas por estes cen anos, por este camiño que segue sendo fiel a un profundo sentir: cultura de alto nivel, derroche de sensibilidade, beleza “que permanece inalterable no recordo”. Aí tedes o respecto e o cariño da xente de Ourense. Aí están vibrando por vós.
Sodes un lindo conto, unha lenda, unha festa. Hoxe todos cumprimos cen anos canda vós. E quen sabe?, ó mellor cada un de nós é unha fermosa melodía que un día foi soñada no corazón da nosa Coral De Ruada.

Longa vida á música.