Opinión

Letras galegas

Hoxe é o día delas, das nosas letras, as que se nos meteron dende pequenos dentro do ser e da alma, esas letras mimadas pola voz de quen nos arroulou, de quen nos contaba contos, de quen cantaba para nós sendo neniños “durme meu neno durme, neste colo…” Estas letras son as que nos fixeron fortes e decididos, doces e románticos, resistentes e comprometidos, amantes da beleza, do ritmo e da musicalidade. Estas nosas letras que levan a poesía no son e a morriña no peito. As que nos infunden alento e as que nos animan a seguir. Porque cando che chamo “paxariño” parece que che poño ás, e se che digo “prosma”, envíote a un burato sen fondo. Elas son así, expresivas e determinantes, fieis ó que son: mensaxe claro, contundente e rotundo. Pero se che digo “prenda miña”, “miña xoia”, “ruliña” ou “que riquiño!”, sabes que hai un universo de rosas que a nosa lingua plantou para ti, para que sobre a túa cabeza voen na máis florida primavera as tímidas “bolboretas”. Amigo lector, sinte como as letras quedan, sobre ti, gravadas. Feliz día.

Te puede interesar