Opinión

María Dolores Pradera

Alá se foi “la flor de la canela”, a muller de “fina estampa “ que cambiaba de mantón cunha nova canción. Alá se vai a retar ás estrelas a que canten penas de amor, morran de paixón, ou amen “toda una vida". Seguro que a recibe Carlos Cano cun dueto que fala dos aires de abril, e Fernán Gómez colleraa da cintura mentres tararea “amarraditos los dos". Ela quérelle cantar “Volver" pero el improvisa un bico e recórdalle aquel verso de “Amanecí en tus brazos": “Tú me querías decir no sé qué cosa,/ pero callé tu boca con mis besos/ y así pasaron muchas, muchas horas". 

O universo será nesta ocasión o escenario para esta dama da canción, que nos mergullou na súa atmosfera particular emocionándose por nós, queixándose por nós, abrindo as entrañas da beleza por nós, que soamente podemos -absortos- contemplar ese brillo que desprenden os artistas que fusionan o noso corazón co latexo das musas. Feliz pode elevarse quen dende o seu “rincón del alma" nos deixou aquelo que “si se estila" e conmove a todos os que se meten no timbre da súa voz e tremen con ela. Asi, con “tus ojazos y mi orgullo”. Asi se vai María Dolores Pradera, igual que se nos vai María la Portuguesa: entre a fantasía e a verdade, entre o laio de amar e a melodía da perda. "Ojalá que te vaya bonito” mestra, pois aquí xa queda todo a fermosura que se deixou acariñar pola túa voz.

Te puede interesar