Opinión

O máster do outono

A apacible brisa nocturna e o brillo e maxestuosidade desta lúa de setembro lévanos da man para entrar de cheo na nova estación. O outono ábrese ante nós luminoso e vibrante, tan morriñoso e namorado que non quere desprenderse do verán de sol e praia. Quere que ardan nunha estampa de solpor as follas de cores e que nun máster de cromatismo o pintor seduza co pincel enchoupado en pátinas e óleos, a mirada de quen quere ver profundidades. Que o poeta poda estrear choivas de palabras que reguen a semente e os froitos do ser, que o mestre expanda o seu caudal humano e alume a inquedanza dos nosos nenos con cousas que non traen os libros de texto, eso que late no corazón de quen quere transmitir o amor por aprender eso que é máis sabio, máis doce e menos fugaz. 

Que brille o traballo ben feito, que baile a vida, e cantaremos todos a coro nesta danza de outono que trae a maxia do viño e das castañas, da noz e da avelá, dos días tímidos e as noites poderosas, desas sombras que lle dan valor á luz e que tanto che gustan a ti, meu artista de alma de outono. 

Esta lúa co seu destello e fermosura é un auténtico máster de sensibilidade. Romantismo e lectura á calor deste lusco e fusco que xa te envolve cun orballo de pel, nunha húmida caricia anxelical.

Te puede interesar