Opinión

Papás á carta

Cando te escollín, papá? Foi cando sendo ti aínda neno lle querías comer sempre torradas á avoa e tíñachas que facer tódolos días ? Ai, meu larpeiro! Ou foi cando choraron tanto os avós que te convenceron de que non te meteras fraile e que acabaras con aquela teima túa de ser franciscano? Cando te escollín, papá? Sería cando decidiches tocar o acordeón e aprender ti so, sen máis mestre có son dos castiñeiros e das xestas ante o total silencio daquela audiencia de paxaros e animaliños da fraga que te escoitaban agochados? Foi alí cando te escollín para que foras o meu pai? Ou foi cando te escoitei dicir sendo moi neno aquela frase tan simpática “dallo ó Tantago, mamá,dallo ó Tantago”, porque lle querías tanto o teu irmán Santiago que todo llo dabas .Ó mellor foi aí… porque ver un neno tan pequecho e tan altruista seguro que me convenceu para ser a túa filla. Ou foi o día que namoraches á mamá, falándolle de amores paseando ante a fonte do Cano e as aveleiras? 

Gustaríame saber cando te elexín pois hai tantos intres nos que –dende non sei onde e sen coñecerte aínda- sentinme xa tan orgullosa… Ou sería cando viaxabas a Palencia para facer negocios? Mesmo me parece que te estou vendo co teu porte elegante e coa túa maleta facturando na estación de Peares… Ou foi en Mallorca facendo a mili, cando aprendías a curar feridas e a ser practicante co teu capitán médico o doctor Isaústegui? Foi alí cando quixen que foras meu pai ou cando tiveches que apretar os puños e dominar a rabia cada vez que vías chegar ó noso bar a aquel home que che deixou a deber o traballo que tanto suor che custara? Foi ó ver a túa forza e valor, papá? Ou foi cando quixeches facer a nosa casa nova e enchela de ventás para que o sol xogara connosco dentro?

 A habitación na que eu nacín, arrecendía a fogar recén estreado, limpa coma un coral, onde o espello do armario reflectía aquela luz do mencer e me espertaban os paxariños que traían de volta a música do teu acordeón enredada nas plumas e nas ás. Non sei se foi alí, papá, pero creo que foi por todo eso polo que te escollín para mín e ser, como ti dis, “o ser do teu ser”.

Feliz día a todos os papis. 

Te puede interesar