Opinión

Sementeira galega

Fálame na lingua nai, meu galeguiño, e chama pola túa nai con ese doce son, ese timbre anxelical, ese ton cantarín. Rosas sementa a túa voz na fala de Rosalía. Sementan os nenos pequenos pucheiriños graciosos se a lingua de Castelao lle arroula o pranto. Se o avó fala co neto na lingua nai espallará unha semente maxistral que atravesa o arco da vella e o lusco e fusco. Se a melodía da nosa fala reina na casa, os trasnos e as meigas boas aloumiñan ós que alí viven mentres dormen. Se a moza e o mozo se aman na lingua galega as bolboretas do amor adornarán a súa boca e o seu pelo e a súa paixón… 

Amamantáchesme, nai, nesta fala de poetas, e unha mina de auga no teu corazón manará canto máis bebamos, interminable e eterna, inefable e nosa. Bicáchesme con bicos galegos e vin nos teus ollos a estrela que abriu nesta terra un camiño celestial, onde os caminantes se buscan e choran ó atoparse. O noso camino. O noso lar. A nosa fala. A nosa estrela: a túa e a miña. Esta é a nosa sementeira, a que nos compromete coa fermosa terra que nos viu nacer. Se a fala nos morre, apagaranse de súpeto todas as lareiras… os bailes e as cantigas… os contos dos nosos antepasados. Apagarémonos ti i eu que non somos nada sen raíces. Recorda. A fala respira cando a falamos. Vivan as letras galegas e todos os homes e mulleres que saben coidar este ben de todos. Feliz día, do noso.

Te puede interesar