Opinión

Bebidas quentes e pan de trigo

Foi a mediados do pasado mes de xuño cando a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro pertencente á Organización Mundial da Saúde advertiu que a inxestión de bebidas quentes poden causar cancro de esófago. Noticia que, no caso de España, foi recollida por tódolos medios de comunicación do país (“El cáncer que ocultan las bebidas calientes”, titulaba un periódico) e moi comentada en familia, de camiño para o traballo e noutros círculos de conversación. E, como en tantas outras ocasións, houbo quen colleu a información da OMS cunha “preocupación razoable”. Houbo quen dixo que “iso das bebidas quentes, éche unha parvada coma outra calquera”. Por último, sei do caso dun home que, cando menos nos primeiros días, levaba un termómetro no bulso para medir, no seu bar de costume, a temperatura do café con leite que toma cada mañá. Discrepancia, pois, no tocante á temperatura das bebidas. Pero discrepancia nada comparable aos enfrontamentos que, dende vai anos, se veñen dando cada vez que unha institución relacionada coa saúde no comer saca a colación os beneficios, ou prexuízos, do pan trigo

Vaiamos, logo, co do pan. Empezarei por dicir que, salvo situacións moi concretas, a Organización Mundial da Saúde recomenda o consumo de pan. Incluso fixa unha cantidade: 250 gramos por día (en España, na actualidade, o consumo é de 150 gramos). Unha recomendación, a da OMS, nada que ver coa pomposa proclama dun tal Iván “El trigo, ese veneno cotidiano que arruina nuestra salud” na presentación do libro Wheat Belly (barriga trigueira) do adiñeirado doutor William Davis. Libro, o do señor William Davis, que, nada máis publicarse, acadou unha gran difusión a nivel internacional. Un éxito que, tal e como el o conta, non é de estrañar. Conta no seu libro que, antes de eliminalo por completo, era un gran comedor de pan trigo. Un alimento que, segundo el, ademais de producirlle obesidade, lle puña o colesterol malo polas nubes, que os triglicéridos estaban desbocados, a tensión arterial para romper, o nivel de azucre arrepiante. E un bo día –segue o relato deixou de comer pan. Ó pouco, a obesidade desapareceu por completo, o colesterol regularizóuselle totalmente, os triglicéridos moi ben, a tensión arterial en nivel óptimo, o azucre en sangue, perfecto. ¡E sen tomar ningún fármaco! Milagres da ciencia. Tan só lle quedou por dicir que, agora, cada día que pasa sen comer pan de trigo, así vai sendo cada vez máis mozo, cada vez máis neno; e que tódolos anos, sen fallar, lle toca o premio gordo da lotería.

Rematando. Quixera aclararlle ao señor Iván, o do “trigo velenoso”, que non é o mesmo unha barra de pan bazofia ca unha barra de pan trigo, ben traballado e de boa fariña. Fágame caso, señor Iván, e déixese das lerias do seu admirado William Davis. Que llelo di, polo seu ben, o fillo dun panadeiro, panadeiro.

Te puede interesar