Opinión

Cidades ricas, cidades pobres

En data recente (día 20, do mes en curso) o Instituto Nacional de Estadística fixo públicos os resultados dun traballo de contido socioeconómico no que, empregando 34 indicadores, se pretendía medir a calidade de vida en áreas territoriais de ámbito urbano. Quedarémonos hoxe, aquí, cos resultados do indicador que, con datos do ano 2014, medía a renda neta das 126 cidades españolas que tiñan unha poboación superior a 50.000 habitantes.

E o primeiro que chama a atención, á vista dos resultados, é a enorme diferenza entre a renda do conxunto dos fogares pertencentes a unha cidade rica (tal é o caso de Pozuelo de Alarcón, cunha renda media de 73.014 euros) e os pertencentes a unha cidade pobre (por un dicir, Torrevieja, cunha renda media de 14.462). Ocupando os primeiros postos, aparte da citada, Majadahonda (57.623 euros), Sant Cugat del Vallés (53.767), Las Rozas (52.204), Acobendas (51.627). Sendo as de renda media máis baixas: Benalmádena (18.849 euros), Línea de la Concepción (18.324), Fuengirola (18.225), San Lúcar de Barrameda (17.222) e os 14.462 euros da citada Torrevieja. Por suposto, coas grandes diferencias económicas que se poden dar entre veciños, pobres e ricos, da mesma poboación.

Chamando poderosamente a atención que cidades tan nombradas, tan desexadas, tan encantadoras como Torremolinos, Marbella, Benidorm, Fuengirola, estean incluídas, as catro, na ducia de cidades de España con menor nivel de renda.

E que tampouco deixan de sorprender, agora para ben, os datos das cidades autónomas de Ceuta e Melilla; no posto número 12 a primeira (con máis de 33.753 euros de renda media, e con cifras similares ás da adiñeirada cidade bilbaina) e no posto 23 a segunda (con 30.952 euros de renda media).

Entre tanto, e nesta cuestión, ¿que está a ocorrer coas cidades galegas? A mellor colocada, Santiago de Compostela, figura no posto 19; A Coruña, no 32; Pontevedra, no 46; Vigo, no 52; Lugo, no 70; Ourense, no 84, e Ferrol, moi cerca de Ourense, no 86.

Por último, centrándonos no caso da cidade ourensá, os datos non son moi confortantes. Posto 84, das 126 cidades de España. E o que é peor: entre as 50 capitais de provincia (e aparte das cidades de Zamora e Santa Cruz de Tenerife, con datos case idénticos ós de Ourense), tan só catro capitais de provincia (Alicante, Málaga, Almería, Huelva) teñen datos inferiores ós da nosa capital.
¡Ourense, Ourense! ¿Para cando, Ourense?

Te puede interesar