Opinión

Dereitos dos animais

Segundo publicou vai uns días este xornal, o xulgado do penal 2 de Ourense condenou a doce meses e un día de prisión a un veciño de Ribadavia por ter afogado nun caldeiro a catro cachorros de gato. Condena que, por máis que a alguén lles poida parecer esaxerada, axústase ó establecido no Código Penal vixente que establece pena de prisión, de seis a dezaoito meses, se o maltrato leva consigo  a morte do animal. Coincidindo nesta maneira de proceder coa maioría dos países civilizados.

Agora ben, o recoñecemento legal dos animais a non sufrir maltrato parece ser de época moi recente.  Por seguir cos gatos. Cando eu rapaz, todos os veciños do pobo, coa excepción das Marinas, tiraban ó río gatiños recén nacidos. E sen que ninguén (en Viladerrei, daquelas, había posto da Guardia Civil) tomase medidas ó respecto.

Falaba das Marinas, parte dunha familia bastante atípica. Composta por unha nai e tres fillas (o pai, que ocupaba un posto de alto nivel no Goberno do Estado, non asomou nunca polo noso pobo; e un fillo, tan só unha vez). A metade do ano pasábano as catro en Madrid, con vivenda na luxosa calle Serrano; e o outro medio, en Viladerrei, aloxadas nunha choza (digo ben, nunha choza). Moi amables as catro, gustaban de pasear polo monte completamente espidas (cando no meu pobo nunca se vira unha muller, nin sequera en traxe de baño). Tendo por costume, cada día, percorrer o río para rescatar gatiños que estivesen  aínda con algo de vida. Recollíanos e levábanos á choza; onde, ó non haber habitacións, estarían mesturados con cabras, ovellas e coas propias Marinas. Dona Marina, Berta, Raquel, María José, houbese ou non houbese norma legal, elas facían todo o posible para protexer ós gatos. De maneira silenciosa, sen facer alarde da súa entrega. 

Afortunadamente, por fin, dispomos agora de normas que perseguen o maltrato animal. E por máis que existan nesta cuestión maneiras que non acaben de cadrar. Tal ó que está ocorrendo, nalgunhas comunidades, cos touros de lidia.  

Tarde de touros, en relato que me fixo un entendido na materia. En canto sae o touro ó ruedo comeza o “divertimento”. Primeiros capotazos. Fura que fura do picador no lombo do animal, para que este se vai facendo unha idea. Sorte de banderillas de castigo, con punta en garfo, para máis doer e mellor agarrar na pel do touro. Entrada a matar con espada de aceiro; berros lastimeiros  do animal. Finalmente, estoque para dar puntilla tantas veces como falta fixese.

E así, nun tempo no que está prohibido o maltrato de animais, ¿como se explica, logo, que siga estando autorizado o chamado “arte del toreo”?

Te puede interesar