Opinión

Desfeita total

No ano 1995 a Inspección Educativa de Ourense elaborou un informe sobre taxas de natalidade e a súas repercusións nos centros escolares. Informe que na súa introdución recollía o seguinte: “A configuración do Sistema Educativo na nosa Comunidade verase radicalmente afectada no futuro inmediato por dous factores que, deixando xa sentir en boa medida a súa incidencia na actualidade, marcarán cambios substanciais do Sistema nos anos vindeiros. Estamos a referirnos ó acusado descenso das taxas de natalidade que se ven operando nos últimos anos e á entrada en vigor dun novo ordenamento escolar... Caída que sendo xeral en todo Galicia, nalgunhas zonas da nosa provincia acada límites de auténtico dramatismo...”.

Malos datos os de entón, pero ¿ten habido algunha mellora? Pois non; máis ben todo o contrario. Comecemos polos datos de poboación. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, dende o ano 1986 ó 2016 a provincia de Ourense perdeu 32.060 habitantes ( que se nos remontásemos ó 1981, a perda sería de 85.368; e por non ir máis atrás). Pasemos agora ó que aconteceu nos concellos. Con seis exemplos que falan ben ás claras de tal desfeita. Concello de Baltar: ano 1981, 4.020 habitantes; ano 2015, 986. Nese mesmo período de tempo, Riós: 5.010 e 1.646, respectivamente. Ramirás: 5.130 e 1.571. Vilardevós: 5.900 e 2.036. Cualedro: 5.640 e 1.792. Castrelo do Miño: 5.500 e 1.490.

Pasemos as cifras de nacementos. Neste caso, os correspondentes ós anos 1975 e 2015. Tamén con seis exemplos. Calvos de Randín: 24 nacementos no ano 1975, e tan só 3 no 2015. Ríós: 47 no 1975 e 3 no 2015. Baños de Molgas: 40 / 2. Rairiz de Veiga: 34 / 1. Vilardevós: 64 / 1. O Irixo: 39 no ano 1975 e ¡cero nacementos! no 2015. (Si, si, O Irixo; con doce parroquias e máis de cen lugares/pobos).

Con respecto ó apartado “número de alumnos”, e con referencia ós cursos 1980-81 e 2016-17, debo facer unha aclaración. Na primeira das datas (1980-81), a escolarización normal do alumnado de “Educación Xeral Básica” ía de 6 a 14 anos (oito cursos), en tanto, no Sistema actual, a “Educación Primaria” vai de 6 a 12 anos (seis cursos). Polo que, a efectos comparativos, tiven que tomar aquí os seis primeiros cursos da EXB do 1980-81 e os seis cursos de primaria do 2016-17. E de novo, con algúns exemplos. No curso 1980-81 contaba Cartelle con 318 alumnos de primaria; en tanto no curso actual, correspondente tamén a primaria, tan só conta con 32. Castrelo do Miño contaba con 228 alumnos de primaria; na actualidade non pasa de 20. Cortegada tiña 191; agora 19. Cualedro, 300; agora 29. A Mezquita, 226; agora 21. Riós 303; agora 26. Sarreaus 168; agora 11. A Veiga 145; agora 17. Vilardevós 319; agora 33. E con perdas similares: Avión, Baños de Molgas, Calvos de Randín, Castro Caldelas, Entrimo, Irixo, Lobios, Nogueira de Ramuín, Padrenda, Rairiz de Veiga, Rubiá, Viana, Vilar de Barrio ... 

En fin, desfeita total. Non vale ocultalo. Haberá quen diga que é para ben. Haberá quen diga que é para mal. En tanto os resignados, falarán de lei de vida; sen máis. 

(Desculpen tanta cifra; pero era inevitable.)

Te puede interesar