Opinión

Equilibrio absoluto castelán galego

Nos últimos dez anos, o número de persoas que falan sempre en galego na provincia de Ourense baixou en doce postos, pasando do 52,14% no ano 2003 ata un 39,98% no ano 2013”. Así comezaba a información que ofrecía este xornal o pasado sábado dando conta da situación de precariedade que está a atravesar o idioma galego na nosa provincia. Información que tomaba como base os datos que, sobre o uso da lingua galega, fixera públicos o día anterior o Instituto Galego de Estatística. Uns datos que, se restrinxidos a Ourense capital, son aínda moito máis desalentadores. Segundo o citado Instituto, non pasa do 10’4% o número de cidadáns ourensán que emprega de maneira habitual o idioma galego. Porcentaxe aínda menor no caso de nenos e mozos. Co que empeza a ter cada vez máis sentido a frase que un día pronunciara aquel emigrante: “Oio falar máis galego en Zúrich ca en Ourense”.

Diminución gradual de falantes en lingua galega; e que adquire unha maior relevancia, de poñelo en relación coa perda acelerada de habitantes que está a experimentar a nosa provincia. Por máis que, certo, afecte a ambos idiomas; pero en desigual medida. Nun artigo publicado nesta mesma columna vai uns meses, facía eu referencia ás previsións do Instituto Nacional de Estadística que, se negativos para o conxunto de Galicia, de gravidade extrema no caso da provincia de Ourense. Cunha diminución do 40% da poboación dende o ano 1950, e cunha perda de 4.400 habitantes no ano 2013 (a un ritmo de 12 por día), nos próximos dez anos, e segundo as previsións do mencionado Instituto, a provincia de Ourense sufrirá unha redución no seu número de habitantes dun 10% (30.000 habitantes, aproximadamente). Co cal, de seguir a este ritmo, chegará o día (nun cándo a determinar por expertos na materia) no que por aquí non quede ninguén. Negro futuro, pois, o que agarda á poboación galega. E, por suposto, ós seus falantes, calquera que sexa o seu idioma.

Será entón cando se alcance, por fin, o equilibrio absoluto castelán galego (que dá título a esta columna) na nosa terra. Ou, o que ven a ser o mesmo, o momento no que se faga realidade ese “bilingüismo cordial entre as dúas linguas”, tantas veces pregoado polos que queren xustificar unhas desfeitas, talvez irreparables. Que o saben moi ben.

Te puede interesar