Opinión

Estupendo marabilloso

Faláranme moito del; incluso cheguei a coñecelo persoalmente. Quincalleiro ambulante, cumprimenteiro con todos, alegre sempre, pillabán empedernido, devecía polos rixóns de porco; e, por máis que natural de Sanabria, un avantaxado bailarín da muiñeira. Que así era o personaxe.

Tiña por nome Jacinto pero case todos o coñecían por “Estupendo Marabilloso” por ser o engadido que a miúdo empregaba nas súas valoracións, viñese ou non viñese a conto. Se alguén dicía: “Mañá poida que chova”; enseguida saía el co de ¡estupendo, marabilloso! Que viña a ser a mesma saída que lle daría a outro que dixese o contrario. Se unha muller dicía: “Este ano hai moitas leitugas pero poucas patacas”, pronto engadiría el: ¡Estupendo, marabilloso! Idénticas palabras que empregaría se outra dixese “Este ano hai poucas leitugas pero moitas patacas”.

Pois ben, ante a confusión de datos de emprego que na actualidade se está a dar na nosa provincia (que uns consideran aceptables e outros desastrosos), as palabras máxicas do señor quincalleiro seguro que deixaría as cousas moito máis claras, e todos contentos. Nun formato que, máis ou menos, podería ser así:

No conxunto de España, e en relación co ano anterior, o paro baixou en 541.700 persoas no ano 2016. ¡Estupendo, marabilloso!

Tal e como como recollía vai uns días o noso xornal, os axentes sociais consideran malos os datos de emprego da nosa provincia. ¡Estupendo, marabilloso!

Taxa de ocupación da provincia da Coruña: 55,21%. Taxa de ocupación da provincia de Pontevedra: 53,9%. Taxa de ocupación da provincia de Lugo: 50,45%. Taxa de ocupación da provincia de Ourense: 48,45%. ¡Estupendo, marabilloso!

Taxa de paro da provincia da Coruña: 14,49%. Taxa de paro da provincia de Pontevedra: 18,47%. Taxa de paro da provincia de Lugo: 13,75%. Taxa de paro da provincia de Ourense: 19,24%. ¡Estupendo, marabilloso!

Todo moi claro. Ademais, estupendo e marabilloso.

Te puede interesar