Opinión

Futbolistas

Empezarei dicindo que eu, en cuestións de fútbol, case todo ignoro. Aínda así, e como a ignorancia é moi atrevida, vou a entrar por uns minutos no mundo do balón.

Talvez pola miña falta de habilidade para manexar unha pelota, nunca fun un apaixonado deste deporte, nunca formei parte de ningún equipo, nin nunca entendín eses enfrontamentos de morte entre afeccións de distintos equipos. Con todo, na miña etapa de infanciaadolescencia,  si asistín a bastantes partidos no campo do Couto. Se ben, obrigado por unha norma rigorosa que rexía no colexio onde eu estaba internado: “Los domingos, siempre que haya partido en el campo del Couto, iremos a verlo”.  Quixeses ou non.

Ben certo que ó chegar ó campo, e alleo ó encontro, púñame a xogar ás bolas de cristal con outros compañeiros. Xa na idade adulta, e destinado en Lorca por servizo militar, asistín ó campo de Murcia acompañado do amigo Daniel Barata, onde o equipo do lugar se enfrontaba o Club Deportivo Orense. “Ourense, Ourense, Ourense, "gritabamos os dous", Ourense, Ourense, Ourense”. Berros  que chamaron a atención dun grupo de forofos do equipo murciano que, entre insultos e ameazas, emprendérona a tomatazos con nós. Tivemos que escapar de alí a toda présa. Nunca máis volvín a entrar nun campo de fútbol.

Todos estes recordos viñéronseme á memoria cando, vai uns días, lin neste xornal e despois escoitei na radio, a renovación profesional de dous futbolistas. Un deles, Cristiano Ronaldo, que me soaba moito; e o outro, un tal Bale, que non me soaba nada. Os dous do mesmo equipo, o Real Madrid, e os dous cunhas renovacións de moitísimo diñeiro.

Algo sabía eu de que os xogadores do primeiro nivel, e de grandes equipos, estaban moi ben pagados. Pero nunca chegara a imaxinar que as remuneracións anuais destes dous deportistas se movesen entre 20-25 millóns de euros netos entre soldos fixos e “variables”. Por quedarme co caso de Ronaldo, o mellor pagado, ¿cántos son  25 millóns de euros? A resposta é ben simple: a cantidade anual que cobran, en conxunto,  2.082 mileuristas (coa particularidade de que non todos os traballadores chegan ós mil euros por mes). Por seguir con Ronaldo ¿e canto ven a cobrar cada mes?  Pois (ingresos astronómicos de publicidade, aparte) 2.083.333 euros. ¿E cada semana?, 479.452. ¿E cada día?, 68.493 euros.

Polo que atinxe ó seu rendemento, ¿en canto lles sae cada gol? Depende dos goles marcados. No caso de Cristiano Ronaldo,  e cunha media de 55 goles por temporada, cada gol sáelle en 454.500 euros; ben certo que neste apartado habería que incluír, como coadxuvantes, os adestramentos, os regates, os roubos de balón, os pases e as patadas.

Moi ben pagado, si señor. Claro que, se tanto lle pagan, por algunha razón será. Que, polo que din, está relacionada cos beneficios económicos que este futbolista lles xera  ás empresas coas que ten contrato. Polo tanto, neste punto, nada que obxectar ó respecto. 
Pero que un “traballador do fútbol” (chamémoslle así) gañe tanto  como o conxunto de 2.082 “traballadores do común”, nunca deixará de chirriar. 

Te puede interesar