Opinión

GPS 2

Vai algo máis de tres anos contaba nesta columna que, ó pouco de facerme cun GPS para o coche, tiven que realizar unha viaxe a Santiago. Nos primeiros quilómetros (Ourense-Arrabaldo), sen ningún problema. Mais, en canto abandonei a A‑52 para entrar na autovía que conduce a Santiago, comezou o que ben puido rematar en traxedia. Ocorría que, por entón, o tramo Arrabaldo‑Carballiño, recentemente inaugurado, aínda non estaba recollido no mapa do GPS. Co que, para o artefacto, mesmo coma se non existise. (Nin o tramo, nin a ponte que cruza o Miño.) Pois ben, en canto accedín á nova ponte, oín unha VOZ que, fora de si, me berraba: “¡Tuerza a la izquierda, tuerza a la izquierda! Recálculo. ¡Tuerza a la izquierda, tuerza a la izquierda!”. Pero non só a VOZ a que me perturbaba. Que na pantalla do GPS, nin rastro de ponte pola que circular. “¡Tuerza a la izquierda, tuerza...!”. Coa vista fixa na pantalla, foi tal a sensación de ir voando polos aires que, por un momento, estiven a punto de facerlle caso á VOZ. Mais, coma nun alustre, recobrei o sentido da realidade. Librándome así, talvez, dunha posible morte por colisión ou afogamento.
Unha vivencia que se me veu á cabeza cando, hai uns días, coñecín a noticia de que un camión polaco, que saíra do seu país rumbo a cidade de León, quedara atrancado no concello de Portomarín, ó intentar acceder á parroquia de San Martín de Lion. E todo, polo mal servizo que lle prestara o seu GPS, ao confundir o León de san Marcos co Lion de san Martín.
Case cada día, unha nova xogada do tal invento. Sendo o suceso máis triste o ocorrido  na provincia de Badaxoz no ano 2010 no que perdeu a vida un home senegalés. Seguindo a ruta que lle marcara o GPS, incorporouse a unha estrada que estaba fóra de uso (un dos seus tramos quedara asolagado polo encoro de La Serena).Era de noite, e nin o condutor nin o seu acompañante se decataron do sinal de perigo  que había á beira da estrada. Total, que cando aquel intentou frear, xa era tarde, e o vehículo entrou de furón no embalse. Salvou a vida o acompañante, pero o condutor morreu afogado.
Foi moi comentado, no seu día, o caso dunha muller belga que programara o GPS para dirixirse ao aeroporto de Bruxelas (que dista do seu domicilio 30 quilómetros). Pero o navegador, coa estraña colaboración da condutora, levouna a Zagreb, logo de percorrer 1.500 quilómetros. Que no caso de Teruel, o GPS dirixe aos condutores por unha rúa estreita que remata, logo dunha curva de visibilidade reducida, nunhas escaleiras moi empinadas (xa son seis os automobilistas que se levan precipitado polas escaleiras).
Por ir rematando. Se vostede quere visitar a Alhambra de Granada, actualice antes o seu GPS; caso contrario, acabará -quén sabe con qué rodeos‑ en Cancún. Ou se quere gozar do silencio do “río Ebro”, desconfíe do GPS do seu coche,  que intentará levalo ‑¿polo aire?‑ a “Río de Janeiro”.

Te puede interesar