Opinión

Lino dos responsos

Nun artigo anterior, e con ocasión da lectura dunha páxina de internet na que se daba conta dos beneficios psicofísicos que se esconden detrás das lágrimas, facía eu referencia a unha muller (Carmen de Soutelo) que pasaba os días chorando, e pedindo de porta en porta. E así, xunto co recordo da súa enfermidade e da súa pobreza, viñéronseme á memoria as vidas e andanzas doutros indixentes daquel entón; tal o caso do Lino dos Responsos que hoxe traio aquí.

A maior ofensa que se lle podía inflixir a Lino dos Responsos era tomalo por un vulgar esmoleiro. Considerando os demais mendigos como auténticos parasitos sociais que, sen ofrecer nada a cambio, vivían a conta da caridade de persoas horadas; e para os que reclamaba medidas moi severas, empezando por prohibirlles vagar polos camiños e pedir polar portas. Pola contra, cría (o seu) un oficio moi honrado posto ó servizo da causa nobre e xenerosa de rescatar cristiáns das penas terribles do purgatorio; non tomando como esmola o que a xente lle entregaba, senón unha mínima correspondencia coas grazas e beneficios que obtiñan as ánimas benditas mercé a súa intercesión. “¿Vive nesta casa xente de ben?”, era a súa particular maneira de anunciarse cando chamaba ás portas. “Vou cantar un responso pola alma de ...”, e recitaba unha longa lista de familiares defuntos dos donos da casa, na que quedaban incluídas antigas xeracións de devanceiros que tan só el coñecía. Seguía un responso, non mal cantado, sempre “de vinte pesos”, por máis que se conformase co que tivesen a ben os moradores da casa. Mais, ¡coidado!, conviña sabelo que a boa vontade non quedase reducida a meras palabras de gratitude. Porque, se tal acontecer, a ira de Lino dos Responsos descargaba implacable sobre tódolos membros da familia; e o que ata ese momento fora piadosa invocación de grazas para as benditas ánimas do purgatorio, trocábase, de súpeto, en formulación dos peores desexos para os habitantes vivos e en maldicións demoníacas para os familiares mortos. 

Por unhas e por outras, inspiraba Lino sentimentos de repulsa das xentes de toda a comarca. Pero, por medo, ninguén ousaba encararse con el. Ata o mesmo crego da parroquia que nun primeiro momento se enfrontara con Lino, pronto tivo que desistir dada a reacción irada daquel. Que incluso chegou a espetarlle na cara, e sen ningunha consideración a súa dignidade sacerdotal: “O que a vostede lle molesta, e o demais son pamplinas, é que eu cante mellor que vostede. E por iso vai contando por aí catro trapalladas, e pondo a xente contra min. E iso eu non llo consinto. Vostede pode dicir o que queira, pero a verdade non ten máis ca un camiño: se non sabe cantar, aprenda dunha vez. E polo seu ben, non se meta na miña vida”.

Te puede interesar