Opinión

Máis apelidos

Al mío, que no me lo toquen!”, advertiu contundente o señor Cerdo cando un amigo da familia lle suxeriu que, para adaptarse ós novos tempos, debería cambiar de apelido. Que fora acordo ó chegaran os outros catro irmáns, trocando o apelido Cerdo polo apelido Moreno, nun trámite que non lle resultara moi custoso. 
Non era, esta, a primeira vez que eu tiña noticia dos duros enfrontamentos desatados entre irmáns por cuestión de apelidos. Apoiándose, uns, na irracionalidade dunhas palabras malsoantes que puideron ter sentido noutras épocas pero que, na actualidade, resultan absurdas, cando non grotescas. Considerando, outros, que tales cambios son unha vergonzosa traizón á memoria duns antepasados, “ós que tanto lles debemos”. En fin, cada cal cos seus argumentos, todos eles merecedores de consideración. 
Entrando en materia. Sabido é que os apelidos proceden de fontes moi diversas.

Procedentes de nome de persoa: González, Rodríguez, Fernández, Sánchez, Martínez... (Co engadido de que, en moitos casos, os propios nomes funcionan como apelidos: Gonzalo, Rodrigo, Fernando, Sancho, Martín). 
Nomes de oficios e ocupacións: Panadeiro, Ferreiro, Pastor, Labrador, Sastre...
Características físicas da persoa: Tuerto, Rubio, Calvo, Cojo, Trenco...
Nomes de lugares: Zamora, Padrón, Valencia, Toledo, Vigo ...(Para facernos unha idea, baste sinalar que tódalas provincias de España, coa excepción de Guipuzcoa/Gipuzkoa, teñen o seu apelido). 
Nomes de animais: Cordero, Cordeiro, Vaca, Carnero, Carneiro...
Árbores e plantas: Pino, Carballo, Mazaira, Clavel, Nardo...
Membros e órganos do corpo humano: Perna, Brazo, Dedo, Riñón, Tripa...
Días da semana, meses do ano, estacións: Lunes, Martes, Enero, Febreiro, Primavera...

Etc., etc. Que ata os propios instrumentos musicais teñen os seus apelidos: Piano, Guitarra, Violín, Clarín, Tuba, Trompeta, Viola, Arpa... Así, ata completar os 25.399 apelidos que recolle no seu último informe o Instituto Nacional de Estadística.

Aínda que haberá ocasión de facer un análise máis detallado en próximas entregas, hai algo nalgúns apelidos moi condicionados polo seu contexto. Se alguén se dirixe a unha muller preguntando “¿Es usted doña Lidia Rodríguez Burra (apelido)?”; a interpelada contestaralle con un si ou co un non, segundo corresponda. No caso dun home, “¿E vostede don Ramiro Borrego Lorenzo?”, a reacción do aludido será, máis ou menos a mesma, do caso anterior. Agora ben, se vostede lle di a unha persoa: “Eres un Marrano”, ou “Eres un Gañán”, un Cerdo, unha Besta, un Memo, unha Rata, un Vicioso (todos eles apelidos), o máis probable é que non llo tomen moi a ben; e xa non digamos se se dirixe a esa persoa dicindo: “Eres un Matón”, ou “Eres unha Merda”, un Verdugo, un Rufián, un Ladrón (todos eles apelidos); se o destinatario é máis forte que vostede, raro será que se libre dunhas boas labazadas.

Apelidos os citados, e outros así, que veñen ocasionando de sempre bromas de mal gusto. Unhas bromas que poñen nunha situación moi incómoda a algúns dos seus titulares. Tan incómoda que, acolléndose ó establecido na lexislación española ó respecto, se ven na necesidade de solicitar un cambio oficial de apelidos.

Por ir rematando. Entre os denominados polo texto legal “contrarios al decoro”, incluía máis arriba o apelido Ladrón. Pero, coidado! Tan ofensivo para uns, polo que encerra de insulto; como gabancioso para outros, dada a súa carga de nobreza. Hai que ver como se lle ilumina o rostro ó privilexiado cando alguén lle pregunta, Por favor, ¿es usted el señor Ladrón de... Guevara?
 

Te puede interesar