Opinión

Máis de cen anos de vida

Opinión

Máis de cen anos de vida

Andan dicindo por aí, os seus defensores, que o café pode alongar a vida das persoas uns cantos anos. Iso si, sempre que se tomen cada día tres cunquiñas de café, cando menos. Postura que ven a chocar de maneira frontal coa opinión dos seus detractores que consideran o café como fonte de todos os males. 

Vaimos en primeiro lugar cós que consideran nociva esta bebida. Segundo eles, aumenta o colesterol, produce úlceras intestinais, provoca abortos espontáneos, causa alucinacións, afecta ó sono, aumenta a ansiedade, desencadea taquicardias, eleva a presión arterial, aumenta a desorde da glucosa nos diabéticos, ocasiona problemas vasculares, destrúe as vitaminas B e C, risco de cancro, perda de calcio, perda de ferro, perda de zinc, ocasiona ardores estomacais e pode producir estrés e deshidratación, reduce a fertilidade, altera o ritmo cardíaco e aumenta o dolor de cabeza. ¡Terrible! Por contra, ¿que ten de beneficioso o café? Segundo os seus defensores, favorece a dixestión, potencia o efecto dos analxésicos, controla os ataques de asma, evita coágulos sanguíneos, alivia o dolor de cabeza, mellora a memoria, capaz de vencer á cirrose; o seu consumo reduce o risco de enfermidades terribles (como poden ser o parkinson, o alzhéimer, a diabetes tipo 2, o cancro). Mesmo como se o seu consumo tivese efectos milagrosos. 

Datos en contra, datos a favor, con saídas radicalmente opostas. Din uns: “O consumo de café produce dolor de cabeza”. Din outros: “O consumo de café alivia o dolor de cabeza”. “O consumo de café aumenta a glucosa dos diabéticos”. “O consumo de café reduce a diabetes”. “O consumo de café aumenta o risco de padecer cáncer”. “O consumo de café reduce o risco de padecer cáncer oral, cáncer esofáxico e cáncer farínxeo”. Tal cal.

Nestas andaban, dándolles voltas e máis voltas ó tema, cando vai o Instituto Nacional de Estadística e sae dicindo que a provincia de Ourense encóntranse no trío de provincias con máis centenarios por cada 100.000 habitantes (Soria 84, Zamora 77, Ourense 77). Noticia que colle ó público totalmente descolocado e cheo de dúbidas. Preguntándose moitos, ¿será pola fortaleza dos nosos xenes que se transmite de xeración en xeración?, ¿será por gracia desta bendita terra na que nos toca vivir?, ¿será polo acertado estilo de vida que estamos a levar?, ¿será pola configuración demográfica da nosa provincia (poucos novos, moitos vellos)? Por último, e polo que nos ocupa aquí, ¿non será que tal lonxevidade estea motivada polo consumo, ou falta de consumo, de café? “Efectivamente”, dirán todos ó unísono. Pero, por suposto, aplicando cada cal a saída que máis lles convén.