Opinión

Tempos aqueles

Foi en conversa recente cuns achegados cando fixemos memoria da retrólica que hoxe traio aquí.

Houbo un tempo, que vai quedando algo lonxe para min, no que rara a persoa que se librase dalgún mote (cando menos, no meu pobo). Motes que tiñan que ver coa peculiaridade física da persoa, coa súa profesión, coa súa conducta, co respecto que infundía, coas súas manías, coas súas carencias, cos seus defectos. Uns sobrenomes que incluso chegaban a desprazar ós nomes propios de cada quen. Tal así, que cando con ocasión do funeral o crego do lugar pronunciaba o nome de pía do falecido, eran moitos os asistentes que pensaban que, por equivocación, estaba a referirse a unha persoa que nada tiña que ver có morto do día. “Pero, ¿de quen está a falar?”, rosmaban perplexos.

Si, por entón había alcumes para case todos. Pero, na actualidade, e por razóns moi diversas, a ninguén se lle ocorre pór motes ós seus veciños. Talvez porque as novas modas estean arramplando cos vellos costumes. Ou porque a xente é máis “educada”. Tamén, porque non están os tempos para bromas. Ou, ó non haber nacementos, ¿a quen colgarlles novos motes?; pois tamén pode ser.

Esa forma de nomear ás persoas con epítetos (tan emparentados cos alcumes) ven de moi antigo. Incluso se remonta a varios séculos antes de Cristo. Que xa na “Ilíada” e na “Odisea” o nome propio da persoa viña acompañado de epítetos esclarecedores da súa figura e das súas maneiras de ser e de actuar. Aquiles, o dos “pés lixeiros”. Ulises, o “enxeñoso”. Héctor, o de “tremolente penacho”. Apolo, o “soberano frechador”. Hércules, o “puxante”. Néstor, o “condutor de carros”. Alexandro, o “deiforme”. Tersites, o “falangueiro sen xuízo”. Hefesto, o “ilustre ranqueante”. Blante, o “pastor de hostes”. Mirina, a dos “áxiles brincos”. Paris, o “mullereiro mirón”. Diomedes, o “esforzado”. Cástor, “o domador de cabalos”. Afrodita, a “risoña”. Cila, a “moi divina”. Hera, a de “brancos brazos”. Coa particularidade de que os personaxes máis importantes tiñan máis dun epíteto. Así, Agamenón, “señor de anchos dominios”, “soberano de homes”. Zeus (pai dos homes e dos deuses) o de “escuras nubes”, o “olímpico fulminador”, o “portador da éxida”.
Dito o anterior, ¿cales os alcumes das xentes do meu pobo? Vaia unha breve mostra do que había alí. O Ceibado, o Cantalarrana, o Chancas, o Tumbalobos, o Chilquiña, o Gaitas, o Xemento, o Chino, o Rabalexo, o Pastabién, o Conigoto, a Titina, o Quilino, a Cachamela, o Paxariña, o Lancero, o Brincas, a Peroxa, o Miquiño, o Cuquiño, a Cacharila, o Cacharilo, o Canchés, a Patamela, o Manchado, o Milhomes, o Charlestón, o Borrandaina, o Lagarto, a Lagartiña... Tamén os que levaban por prefixo “tío” como sinónimo de persoa sobranceira, calquera que fose a razón: o Tiorricardiño, o Tioferreiro, o Tioesquinas, o Tiotalán, o Tioemilio, o Tiodomingos, o Tiomico...
En todo caso, debo aclarar que non se incluíron nesta relación os alcumes máis groseiros e os máis ofensivos, ¡que eran moitos!

Te puede interesar