Opinión

VELOCIDADE

Se daquelas alguén aventurase que, co tempo, unha viaxe en coche de Ourense a Madrid podería facerse en menos de catro horas; ou en pouco máis de dúas horas, 'en trens que irán coma balas'. Se ese mesmo asegurase que algún día poderíamos viaxar de Ourense a Viladerrei en 25 minutos. O individuo que tal dixese, sería tachado de tolo, ignorante ou trangalleiro.


Eran anos, aqueles, nos que o coche de liña empregaba tres horas en completar un percorrido de cincuenta quilómetros, que é a distancia que separa a Ourense de Viladerrei. Uns coches que malamente se movían en terreo chairo, e derreaban ó subir as costas. Por máis que os pasaxeiros tratasen de animar ó chofer coa canción de moda, 'Acelere, acelere, acelere. Acelere señor condutor'. E por máis que el puxese o maior empeño en seguir ó pé da letra a recomendación que facía o propio cantar, 'Para ser condutor de primera de segunda de tercera, hace falta ser buen bebedor'. Empeño, o que se di empeño, claro que había.


Nos tempos de agora, ninguén acabaría de entender que ao chegar a Tabodela (saíndo de Ourense), chofer e revisor se visen na necesidade de baixar do coche para tomar uns vasos de viño (ou de licor café). Pero á xente, daquela, parecíalle algo natural. Como natural lle parecía que en Allariz, a segunda parada, o tempo de descanso fose maior, o que lles permitía aos pasaxeiros apearse do coche para mercar 'ricos melindres' , e ó revisor e ó chofer tomar os seus viños dun modo máis vagaroso. Despois de Allariz, viña Piñeira, cumpríndose alí a terceira parada, e coa parada, os vasos de viño de ritual por parte de chofer e revisor. E o mesmo se repetiría en Sandías. Logo, viña Xinzo, cun descanso algo máis longo como correspondía á capital do Limia. O que lles daba tempo a chofer e revisor a tomar, xunto cos correspondentes vasos de viño, os primeiros pinchos do día. Seguía Abavides, e logo, Trasmiras. Tanto nun sitio como no outro, chofer e revisor limitábanse a tomar vasos de viño, reservando o dos tacos de tortilla para a seguinte parada, Viladerrei, onde, cuns cantos colegas do pobo xogarían ao chinchimonis as consumicións. (Alguén chegou a comentar que, ás veces, en lugar de chinchimonis, xogaban as consumicións á brisca. Pero isto no o teño suficientemente acreditado, e por iso o digo con todas as reservas).


Ó acabar, reemprendían a marcha cara a Verín.

Te puede interesar