Opinión

Arquitectura... para vivir mellor?

"Queridos amigos: o mundo será igual"

Michel Houellebecq

ODía Mundial da Arquitectura invita a un exercicio reflexivo, marcado este ano por unha pandemia que obrigou a un confinamento que nos impuxo volver a entrar nos nosos fogares e, unha vez dentro, relacionarnos, sen desprazamentos. 

O confinamento posicionou a arquitectura do fogar como epicentro dunha vida a distancia pero, a falta de espazos flexibles, as superficies útiles excesivamente axustadas ou as deficientes condicións de accesibilidade, limitaron o confort nas nosas vivendas e constataron a forzosa necesidade de melloralas e de corrixir os seus defectos. 

Tras o coronavirus, o principal cambio no arquitectónico ímolo ver no gran proxecto colectivo, que é a cidade. A xestión da incerteza e do medo afectará á nosa libertade de movemento. Imporase unha nova mobilidade que nos traerá un renovado espazo público, máis amable, sostible, continuo e integrador. O chamado distanciamento social requirirá ampliar notablemente os espazos de uso público, requisito que só se poderá conseguir limitando a circulación de vehículos a motor e aumentando as áreas verdes. Noutras palabras, comprender que a calidade do espazo urbano contribuirá tanto a limitar futuras crises sanitarias como a mellorar a calidade de vida dos cidadáns. 

O ser humano ten unha incrible capacidade para a adaptación. E mentres haxa homes, haberá cidades. Os humanos sempre tiveron a necesidade de socializarse. Como especie, está na nosa natureza ser sociais. E o noso deber como arquitectos é propiciar o benestar individual e colectivo das persoas, en calquera escenario e situación. 

Estamos ante un momento único para equilibrar correctamente a liberdade e a seguridade. E tamén para crear cidades con menos desigualdades. A clave estará na flexibilidade dos deseños e nunha arquitectura da "improvisación" moito máis versátil, que sexa capaz de acoller calquera cambio imprevisto. O mundo está nun proceso continuo de cambio, acelerado agora polas circunstancias coxunturais. Pero o momento de expansión e crecemento sen límites rematou. A Covid19 é un virus con ideoloxía, e amosounos o tamaño real do planeta e a súa fraxilidade, o que derivou nunha notable crise de valores. A arquitectura é sempre o reflexo da sociedade do seu tempo, polo que tamén cambiará a súa ética, pero o deseño arquitectónico e a planificación urbana poderían contribuír a establecer unha maior simbiose entre natureza e economía. E a equilibrar a balanza entre os espazos públicos e os privados. 

Toda a conciencia adquirida a través desta experiencia é a que debe levantar á arquitectura coma un servizo social esencial, que nos achegue á ecoloxía e manteña o aspecto económicofinanceiro que a acompaña nun equilibrio xusto e preciso. Pero hai unha mensaxe inequívoca que enviar á sociedade: este é un proxecto colectivo que precisa da implicación de todos.

Te puede interesar