Opinión

"Dos días en Orense", de Álvaro das Casas

O ollo resgo do parnaso literario galego segue pexando a figura de Álvaro das Casas. De todos é sabido que este destacado membro, como á vez silenciado, da chamada Xeración do 25, tivo unha vida chea de contradicións e complexidades. Un dos seus graves pecados, para algúns, foi o de ser un exiliado sen motivo aparente. Parece que iso foi certo, pero agora aquí non se trata de escaravellar en mulimada ningunha. Aínda que, quizais, habería que ir máis amodiño con certas reaccións persoais, as de cadaquén, ás veces. Cada un sabe as súas. En calquera caso, tal exilio voluntario acreditábano Rafael Dieste, Antonio Baltar, Otero Espadasín, Lorenzo Varela ou mesmo Luis Seoane. Todos eles homes de ben, apetecedores do café Tortoni de Buenos Aires. Máis dunha vez barnaron alí a traxectoria vital deste home coa tinta de lura sobre o papel. 

Así a todo, Otero Pedrayo dedícalle a D. Álvaro un capitulo no Libro dos amigos onde manifesta que endexamais deixou de querelo. E se D. Ramón o di, tamén lle fago caso; sabía moi ben do que falaba, a súa xenerosidade á parte. Deixemos aquí logo a vida de D. Álvaro como se deixa a de Ezra Pound, Borges ou Cunqueiro, poño por caso, que ben saben polo que o digo (que non estou comparando escritores). Fuxamos diso xa dunha vez, insisto, cando se trata de engaiolarse coa lectura dalgún bo texto. Ou cando se persegue facer xustiza literaria. Pois hai uns anos, na biblioteca da miña casa, atopei un caderno azulado, de 29 páxinas, publicado no ano 1927. Nesas escasas follas viña unha articulada conferencia de D. Álvaro María de las Casas, que el mesmo lera en 1926 na Real Sociedad Geográfica de Madrid, baixo o título Dos días en Orense. Chamárame a atención o moito que se pode dicir dunha cidade en tan pouco espazo (ou tempo). Pero máis batera en min cando, da man dunha boa amiga, puiden ler o seu libro tamén titulado Dos días en Orense, publicado, despois en 1928, pola Compañía Ibero – Americana de publicaciones S.A. Dos días en Orense é unha meditada e decida peza literaria de destacada beleza. Brillante. De grande poder visualizador. Un soño, para corazóns cansos. Que nos arrolinca e nos leva ao Ourense do primeiro terzo do século XX. Unha aposta pola confluencia da literatura coa actitude excursionista, á súa vez. Porque tamén se pode ler como unha guía. Mostra rutas, en rodopío. Unha delas é ir a Chantada, para a que el reclama a súa natural pertenza a Ourense. Nada se engana o autor nesa reclamación. 

Pero, agora, a miña proposta á Deputación non é outra que a de reeditar este libro do que falo. Traducido ao galego. Sería ben, se quixese, que un excelente poeta como Luis G. Tosar fixese ese labor. Ninguén mellor ca el sabe entrar nas febras e nos entretes da nosa lingua.

Te puede interesar