Opinión

2016: Económico e olímpico

O ano 2016 será, sen dúbida, algo máis que un ano olímpico. O que nos depara o vindeiro ano en canto á conxuntura económica terá moita incidencia tanto no curto como no longo prazo. É por iso que paga a penar ter presentes cales serán os principais retos en materia económica e social.

2016 permitirá comprobar se a recuperación económica confirma a súa consolidación ou ben, como xa pasara en 2010, volta a caer iniciando o que sería unha terceira recesión. Para que esta consolidación sexa unha realidade é preciso que os dous compoñentes principais da economía teñan un comportamento positivo. Estamos a falar do sector exterior e, fundamentalmente, do interior. Neste último, o consumo privado será determinante na evolución económica en tanto e canto o seu peso é moi grande nos compoñentes agregados.

2016 albiscará se o consumo privado, isto é o do conxunto das familias e individuos, dá mostras de recuperación e crecemento. Para que isto sexa unha realidade é preciso que o compoñente subxectivo que se denomina estatisticamente “confianza do consumidor” supere unhas expectativas que, polo de agora, non son moi optimistas. Poderíase pensar en certo senso nunha pescadiña que se morde a cola xa que logo canto máis melloren os indicadores económicos (nomeadamente os laborais) esta confianza verase afortalada e, consecuentemente, tire da economía.

2016 debe dar resposta a outros grandes asuntos e xa non se está a falar aquí so da situación política. Ben é certo que a situación, polo novidosa, constitúe un factor a ter considerado, pero esta debe ser contemplada como unha oportunidade e non como unha ameaza. Eidos como a educación, a investigación, a tecnoloxía, o territorio ou o medio ambiente deben xogar un papel determinante con clara incidencia na evolución económica. Hoxe en día non se pode entender un crecemento económico e sostible sen unha aposta clara e decidida por estes asuntos que se vexan combinados cun crecemento socialmente xusto. A redución das desigualdades no entramado económico pasa necesariamente pola consideración de aspectos transversais como os sinalados.

2016 será tamén un ano onde a esfera internacional terá cada vez máis unha consideración local. As barreiras e fronteiras cada vez se difuminan máis e cómpre entender que o mundo cada é máis “pequeno”. Non hai distancias cando se fala de economía e isto esixe un cambio de mentalidade que urxe sexa feito polo conxunto da sociedade. A globalización veu para ficar connosco, cada vez hai máis exemplos a mencionar e de seguro no ano que vén veremos moitos máis e de moi variada natureza.

2016 será un ano olímpico e, como todos os anos en que se celebran os Xogos, será bisesto. Isto implica que teremos un día máis para chegar a 2017 e comprobar canto do aquí sinalado se cumpre. ¡Feliz aninovo!

Te puede interesar