Opinión

Afiliación de estranxeiros: unha necesidade

Aprovisión de datos do mercado laboral por parte dos fornecedores públicos de estatísticas oficiais sempre nos proporciona información de interese.  A ninguén se lle escapa que o emprego é un dos indicadores máis salientables sobre a marcha de economía, sobre todo no que se refire á tendencia que seguirá a medio e longo prazo.

Dos datos proporcionados esta semana polo Instituto Galego de Estatística e, dende unha óptica provincial, chama a atención os afiliados de nacionalidade estranxeira a setembro de 2016 posto que as comarcas ourensás copan de xeito maioritario o ranking das 15 comarcas de Galicia con maior porcentaxe.  Nomeadamente, a terceira parte das mesmas (un total de cinco) son comarcas ourensás que, por exemplo, no caso de Viana cun 7% de afiliados estranxeiros máis que duplica a media galega situada nun 2,9%. 

Se afondamos máis nestes datos, e botamos unha ollada aos datos municipais, obtemos uns resultados aínda máis contundentes posto que, por concellos, os catro municipios cunha maior porcentaxe son ourensáns (Carballeda, A Gudiña, Oimbra e Entrimo) superando cifras do 10%.  De feito, as dúas primeiras superan o 15% (16,0 e 15,4%, respectivamente) o que supón que un de cada seis afiliados á seguridade social en ditos concellos é de nacionalidade estranxeira.

A pregunta que nos xorde ao abeiro desta información é inmediata: que nos está a suxerir o feito de que nestas comarcas e concellos a porcentaxe de poboación estranxeira sexa moi superior á do resto de Galicia?  Pois a resposta evidencia un dos problemas fundamentais do noso mercado laboral que é a falla de poboación activa nacional cando en casos como estes (motivados por unha necesidade concreta do sector da obra pública de relevancia como é o AVE) urxe empregar a traballadores.

Esta circunstancia pon de manifesto un dos puntos no que se ven insistindo dende xa hai tempo por parte do Foro Económico de Galicia nos seus diferentes traballos que ten que ver coa necesidade de facilitar e favorecer a inmigración cara á nosa Comunidade.  Con medidas e actuacións con este obxectivo estaríase en condicións non só de dar resposta ás necesidades inmediatas en materia laboral como as que se están a sinalar senón que sería un bo piar sobre o que sustentar unha política de fomento demográfico.  

Dado que existe (ou semella existir) consenso sobre a necesidade de fomentar a natalidade e que un dos principais atrancos de Galicia é a súa demografía, a incorporación de estranxeiros ao mercado laboral galego constitúe unha excelente oportunidade.  Canto antes nos percatemos desta circunstancia máis tempo estaremos aforrando na toma de decisións que garantan o noso desenvolvemento económico máis inmediato.

Te puede interesar