Opinión

Afortalando o futuro de Galicia

Asemana pasada foi presentado o documento “50 propostas para Galicia” que resume o traballo realizado polo Foro Económico de Galicia dende a súa creación hai pouco máis de dous anos. Trátase dunha recompilación dos aspectos máis salientables dos nove documentos publicados (dispoñibles na súa web: www.foroeconomicodegalicia.es) baixo a sinatura de case trinta economistas e empresarios membros do Foro.

Coido que é un texto de moito valor no momento actual onde hai dúbidas sobre o futuro que nos agarda, ao proporcionar claras pistas cara onde deberíamos ir. Non se trata, porque tampouco así o pretende, dun plan integral e global senón que aborda de maneira sectorial eidos con indubidable relevancia para o entramado económico e social de Galicia. Neste senso, poderíamos considerar tres grandes grupos de propostas. En primeiro lugar, as referentes a aspectos estruturais e sistémicos da nosa economía, en segundo lugar as sectoriais, e un terceiro grupo que estaría conformado por propostas de carácter transversal. Así pois, abórdanse cuestións que van dende a demografía ou a internacionacionalización ata o sector agrario ou o naval, pasando por un asunto de tanta actualidade como é a marca-país que debe ser proxectada dende Galicia cara o seu exterior.

De todas estas propostas unha primeira característica vén dada polo exercicio de responsabilidade e autolimitación imposta do seu realismo e aplicabilidade de xeito case inmediato. Esta apreciación susténtase no feito de que non supoñen un maior gasto público ou descansan na procura de achegas financeiras externas a modo de subvención ou semellante. Todo o contrario, o seu foco está no proceso de desenvolvemento de políticas públicas así como a súa implementación. Ademais, a efectos dunha maior concreción se lle engade o feito de que achegan cifras concretas tanto da situación de partida como dos resultados que serían desexables obter. Sen dúbida, todo un exercicio de compromiso por parte dos autores

Finalmente, e como non é posible comentar todas as propostas (nin sequera unha selección das mesmas), gustaríame facer algo ao que os galegos estamos pouco afeitos. Estou a falar de valorar positivamente as cousas que temos e, en concreto, o Foro Económico de Galicia. Esta plataforma de transferencia de coñecemento dende as empresas e as universidades galegas dirixida á sociedade e aos espazos de decisión pública é unha iniciativa que ten poucos precedentes na nosa contorna. Nomeadamente, a posibilidade de ter á nosa disposición unha ferramenta destas características que nos permite coñecer mellor os retos e desafíos sobre a estrutura produtiva galega é moi de valorar e agradecer. 

En definitiva, a súa misión é contribuír a mellorar e afortalar o noso futuro porque, como se sabe, é lugar onde todos imos pasar o resto da nosa vida. Aínda que so sexa por iso paga a pena o esforzo de tomar en consideración estas “primeiras” 50 propostas do Foro.

Te puede interesar