Opinión

Alerta vermella demográfica

Arecente publicación do libro “Galicia un pobo con futuro? O noso devalo demográfico”, editado polo Museo do Pobo Galego, volve a facer fincapé no principal problema da economía galega que é a súa evolución demográfica. Se ben aínda nun puiden ler a obra, cónstame que na mesma, expertos de diferentes eidos alertan sobre a necesidade de incluír na axenda política o que denominan como “suicidio demográfico”. 

Pendente logo da lectura deste texto, coido que paga a pena falar da súa presentación feita esta semana onde estivo presente a conselleira de Traballo quen afirmou (e cito textualmente) que “as cifras da situación demográfica de Galicia sitúan á Comunidade en alerta vermella”. De feito, incidiu tamén na necesidade de normas específicas que superen o que ela mesma denominou como “parches e medidas a curto prazo”.

Así pois, esta é a situación xa recoñecida e asumida pola máxima autoridade desta materia na nosa Comunidade e, por ende, pola propia Xunta de Galicia. O primeiro paso de asunción e concienciación do problema dáse por realizado e proceden seguintes pasos consistentes na posta en marcha de actuacións concretas. E aquí, témome que se equivoca a señora conselleira porque o primeiro que di é que se trata dunha responsabilidade “de todos”. O problema é de tal magnitude que a principal responsabilidade cómpre a quen ten a capacidade para implementar medidas de choque que dean a volta a tendencia actual. As políticas de concienciación son claramente insuficientes ante a situación de alerta e faise necesario medidas estruturais valentes e comprometidas. 

Neste senso, a demanda dun Pacto de Estado nesta materia resulta pertinente pero convén tamén mirar cara ao interior e reflexionar sobre que é o que se pode facer dentro das nosas posibilidades competenciais. É aquí que coido necesario lembrar un recente traballo realizado polo Foro Económico de Galicia onde, baixo o título “¿Que futuro demográfico nos agarda e como pode incidir no noso benestar?” apuntábanse medidas concretas que se podían tomar sobre o particular. 

Nomeadamente, apostábase polas políticas de conciliación e apoio continuo ás familias fronte ás axudas directas (pouco efectivas) e o establecemento dun completo e exhaustivo panel de indicadores demográficos e socioeconómicos que proporcionase unha ferramenta para avaliación do éxito (ou fracaso) das medidas tomadas. Pero non se quedaba só aquí este documento, senón que ía máis aló ao concretar como necesaria unha inmigración neta anual de vinte mil mulleres para manter estable o número de nacementos ata o ano 2050.

Xa non é momento de decidir canto de grave é o problema. Máis ao contrario urxe deseñar un programa específico de atracción de inmigrantes con este obxectivo. Para isto é preciso asegurar altas probabilidades de emprego que deben vir acompañadas dun reaxuste do marco institucional interno e o mapa de servizos e infraestruturas co horizonte territorial que debuxan as previsións demográficas. A falta de outras medidas, que polo que semella non as hai, estes son os “deberes” para nosos os responsables autonómicos. Convén que os teñan presente se non queren que a alerta se transforme en algo peor.

Te puede interesar