Opinión

AP-9 de Madrid

Nesta semana na que tanto se fala de política hai unha nova que non debe pasar desapercibida, como é o rexeitamento dos Congresos dos Deputados da transferencia da titularidade e competencias da autoestrada de peaxe AP-9 á Comunidade de Galicia.

Escoitamos aos partidos maioritarios (agora non tanto) falar de autocrítica e de cousas non ben feitas e o primeiro que atopamos é que unha cuestión vital para o vertebramento e estruturación territorial de Galicia non conta en Madrid co seu apoio. De nada serven as continuas queixas dos usuarios, as deficiencias infraestructurais e, sobre todo, o máis que cuestionable incremento das tarifas; o feito é que tanto o PP como o PSOE consideran que esta competencia ten que seguir estando en mans da Administración Central.

O argumento do PP para o seu rexeitamento baséase nunha cuestión xurídica de que a solicitude mediante lei orgánica non é o procedemento pertinente para esta solicitude. Se ben é certo este punto, tamén o é que esta iniciativa constituíu unha promesa do actual executivo autonómico co apoio do deputado popular galego, Celso Delgado, que foi quen se encargou de dar as explicacións negativas no Congreso. Máis sorprendente se cabe é a postura do Partido Socialista que non apoiou a solicitude cando hai menos de seis meses presentara unha moi semellante no Senado. Aquí a única diferenza é que Juan Luis Gordo que foi quen se encargou de explicar o rexeitamento socialista, non é galego senón segoviano.

Pois ámbolos dous partidos se equivocan unha vez máis, e xa non so porque tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía outorga á Comunidade a competencia sobre as vías que transcorran polo seu territorio, o seu erro fundamental é de plantexamento estratéxico. A xestión dende Galicia da autoestrada AP-9 permitiría, en primeiro lugar, exercer unha presión máis “próxima” para ser quen de corrixir os seus problemas que, lonxe de se reducir, continúan a incrementar. Asemade, serviría para facer unha integración efectiva coa rede viaria autonómica onde esta conexión da franxa atlántica ten que xogar un papel determinante.

Sen embargo, a mensaxe que nos chega de Madrid e dos seus insignes deputados é que “todo vai ben” e non cómpre facer esta transferencia de competencias a Galicia. Seica se esta autoestrada estivese noutro lugar da xeografía española a decisión fose outra ou ben se as súas señorías galegas estivesen aí para defender os intereses da cidadanía que están a representar, estaríamos falando doutra maneira de actuar sobre este tema. E logo se sorprenderán de que non teñan o apoio da súa xente.

Te puede interesar