Opinión

O consumo durante a crise

A semana pasada viu a luz o Informe de Conxuntura Económica do Foro Económico de Galicia correspondente ao último trimestre do ano. Como é xa habitual, este documento dá conta con detalle da evolución da economía galega, facendo especial fincapé nas súas contas agregadas e no mercado laboral. A súa última parte adícase a temas específicos en cada número e, nesta ocasión, o aspecto tratado foi a incidencia da crise económica sobre os hábitos e capacidades de consumo da poboación. A lectura é certamente recomendable porque achega unha moi boa idea das nosas necesidades vitais plasmadas a xeito do gasto cotián das familias. Asemade, visualiza as diferenzas entre galegos e españois no que se refire a preferencias e como se reparte o consumo.

Resumo os aspectos máis salientables que parten da consideración de que antes da crise económica, o crecemento do PIB traducíase en incrementos importantes do consumo dos fogares. Sen embargo, coa chegada da crise o conxunto do Estado presenta unha caída moito máis acusada que en Galicia. De feito, Galicia é unha das comunidades con menor contracción do gasto entre os anos 2007 e 2014.

Tanto en Galicia como no conxunto do Estado, o gasto medio increméntase nos grupos de gasto de ensino, vivenda e saúde, sendo nos tres casos máis acusado no caso galego que no español. No extremo oposto, tanto artigos de vestir e calzado como o grupo de mobiliario e equipamento do fogar son os que presentan o maior descenso, sendo a caída superior á media estatal no caso dos artigos de vestir e calzado. Tras esta evolución, no ano 2014 os fogares galegos gastaron de media máis que o conxunto dos fogares españois en aspectos tales como transporte, mobiliario e equipamento do fogar, vestido e calzado e, sobre todo, en alimentación e bebidas (onde o gasto superou nun 10% á mediaestatal).

Outro aspecto que resulta de interese é o relativo a como se repartiu o gasto das familias. Así, a estrutura de gasto no último ano amosa unha clara concentración do gasto en determinadas partidas. No meadamente son só catro ítems os que concentran más da metade do gasto medio dun fogar galego. O principal destino corresponde aos alugueres de vivenda, con máis dun 20%. Séguelle a continuación os produtos alimenticios e a utilización de vehículos persoais, co 16 e 10%, respectivamente, sendo nestes dous casos a Comunidade que máis destina a estes conceptos. En cuarto lugar, atópase o gasto en comidas fóra do fogar, cun 8%. Sen embargo neste caso, fronte ao que acontecía nos anteriores, Galicia é unha das autonomías con menor peso nesta partida.

Así pois, a crise tivo moitos efectos no entramado económico do territorio e, como se desprende destes datos, tamén nos hábitos de consumo. Resta agora comprobar se a recuperación trae consigo a volta aos patróns anteriores ou ben non se modifican os actuais.

Te puede interesar