Opinión

Conxuntura económica e máis

Esta semana presentouse o Informe de Conxuntura do Foro Económico de Galicia. A súa presentación aos medios, así como á súa posta a disposición gratuíta para toda a sociedade na súa páxina web, supón xa unha cita trimestral imprescindible para toda persoa interesada en estar ao tanto do presente, e sobre todo, do futuro da economía galega. En menos de tres anos, esta publicación foi quen de encher un baleiro existente na achega de información periódica de carácter social e económico. 

Por obvios motivos de espazo, non é posible nestas liñas dar conta de todo o incluído no Informe. Ademais nesta ocasión está complementado cunha moi interesante reflexión sobre os efectos para a economía galega do “Brexit” asinada polo catedrático Xosé Carlos Arias que albisca as principais ameazas tanto a curto como a medio prazo. En todo caso, a xeito de resumo poderíamos concretar en catro, os aspectos máis salientables recollidos no texto. 
O primeiro deles é que Galicia continua a súa senda de crecemento económico dun xeito máis acelerado que o resto do Estado, o que lle permite minorar o seu diferencial de crecemento. Isto é, estase a producir unha homoxeneización na evolución económica autonómica e estatal, como así foi xa anticipado en previos informes do Foro.

A principal razón deste crecemento vén dado polo lado do gasto público xunto co consumo privado. Aquí o período electoral tivo unha clara incidencia pero tamén as políticas máis expansivas implementadas dende comezo do ano. Estas contribuíron a mellorar as expectativas dos cidadáns que resulta chave para o seu comportamento económico, o cal ser veu reforzado por unha moi benigna climatoloxía.

Pola contra, en senso negativo, é preciso sinalar dous aspectos que non convén esquecer. Por unha banda o sector exterior (exportacións) perderon o protagonismo que viña tendo en trimestres anteriores, tendo neste trimestre unha nula contribución. Por outra banda, esta evolución favorable continúa convivindo co feito de que, en termos de produtividade, Galicia segue a ter unha das taxas máis baixas do Estado. A cativa dimensión e tamaño das nosas empresas, así como as dificultades para a incoporación de tecnoloxía en moitos dos procesos e produtos teñen moito que ver con isto.

O cuarto aspecto a comentar é o referente ao mercado laboral no que se evidenciou un traslado dese dinamismo económico aos seus principais indicadores, tanto de emprego como de paro. Así, cómpre salientar o feito de que a ocupación en Galicia leva seis trimestres consecutivos crecendo e o moi notable descenso do número de parados na nosa Comunidade no pasado trimestre. 

Son estes os catro principais trazos que poden ser extraídos do informe pero recomendo para quen teña interese unha lectura completa do documento. Ademais dende o Foro xa se anunciou a súa intención de afortalar as súas análises de conxuntura sobre a economía galega con novas informacións e estudos o que supón unha moi boa nova para poder seguir estando ao día da nosa contorna económica máis inmediata.

Te puede interesar