Opinión

Crecemento ¿inesperado?

As cifras de crecemento do PIB galego publicadas polo Instituto Galego de Estatística para o segundo trimestre do ano amosan un crecemento salientable da nosa economía.  De feito, transcorrido medio ano, sitúanna por riba do crecemento da economía española, algo para nada previsto a comezo do ano. En concreto, no trimestre crecemos case un punto porcentual (0,9%) e no conxunto do ano máis de tres puntos (3,2%), unha décima por riba da media nacional.

Pese a que estes datos poderían chamar a atención pola súa magnitude, dende o Foro Económico de Galicia vense dando “pistas” desta tendencia á alza a través do seu Indicador de Conxuntura Económica.  Nos últimos tres meses, xa se apuntaba unha clara reaceleración da economía galega, consolidando o repunte amosado no mes de marzo e rachando coa tendencia dos meses anteriores.

Está agora por ver que é o que vai acontecer no que resta do ano e, para iso, nada mellor que afondar un pouco nos propios datos fornecidos polo IGE.  Deles pódese comprobar como este crecemento está sostido de xeito preferente por un extraordinario comportamento do sector exterior galego e, nomeadamente, das súas exportacións.  Nada menos que cinco puntos e medio foi o que creceron as saídas de bens e servizos cara ao estranxeiro, o que dá idea dunha fortaleza deste sector digna de mención.

Pola contra, as cousas non pintan tan ben no que atinxe ao consumo que amosa crecementos inter-anuais inferiores ao medio punto (0,4% en termos globais).  Chama aquí atención o moi negativo comportamento do gasto público que reflicte un comportamento negativo que exerce de lastre da evolución do PIB.  Se a isto se lle engade que tampouco o consumo das familias atópase moi boiante, o sinal de certa alarma por esta banda resulta evidente.

Así pois, para seguir mantendo estas cifras favorables de crecemento é necesario que o consumo (tanto público como privado) experimente unha vitalización.  Para isto, xoga un papel determinante o comportamento do mercado de traballo, como atinadamente vén de sinalar o ministro de Economía.  E non estamos só a falar xa de creación de postos de traballo, onde as cifras non poden ser cualificadas como negativas, senón a afortalar a mellora das condicións dos contratos laborais que se creen.  Conseguido este punto, se as administracións públicas son quen de rachar co seu comportamento negativo do gasto e o sector exterior continúa a comportarse de xeito semellante, nada impediría rematar o ano nestas cifras de crecemento da economía.

O panorama é certamente máis benévolo que hai seis meses, pero xa se sabe que en economía todo muda con moita (quizais demasiada) rapidez. 

Te puede interesar